Miércoles. 20.06.2018 |
El tiempo
Miércoles. 20.06.2018
El tiempo

Ledicia Costas: "A inspiración non me vén, eu vou buscala"

Ledicia Costas. GONZALO GARCÍA
Ledicia Costas. GONZALO GARCÍA

Esta "inventora de mundos" suma premios, márcase prazos brevísimos para rematar as súas obras e visita ata 170 escolas ao ano

Ledicia Costas (Vigo, 1979) é a creadora de Escarlatina, Esmeraldina, a Señorita Bubble ou Extravaganzza Pérez. É das máis populares entre a xente moza e, tamén, das poucas escritoras en lingua galega que vive unicamente da literatura. Mentres ten lugar esta conversa preprárase para participar no congreso De Verne a Vigo e avoga pola imaxinación para superar "o formato clásico das feiras do libro" e apostar por eventos diferenciados. "O festival Celsius de Avilés é un exemplo; non vexas que éxito! Achegámonos alí todos coma orcos", chancea.

As súas presentacións son actos literarios, mais tamén culinarios, con todas as lambetadas que aparecen nas receitas de Escarlatina, a cociñeira defunta...

Nas visitas recíbenme como se chegase a cónsul... Teño que ter coidado ou estaría ingresada por unha suba de azucre. Acaban sendo auténticas merendas e eu estou encantada de que fagan estas cousas. Rimos moito. Ás veces parece un festival do humor máis ca un acto académico ou impostado.

Ten calculados cantos quilómetros fai ao ano para visitar todos os colexios e institutos nos que se encontra cos seus lectores?

Non teño a conta anual, pero si que podo dicir que hai semanas nas que lle fago máis de mil quilómetros ao coche. Días de 300 quilómetros. E iso que procuro empregar o tren sempre que é posible. Adoito facer entre 150 e 170 visitas escolares cada curso académico. Chegar desde Vigo á Mariña, a Viveiro ou Ribadeo, supón ter que quedar durmir alí... Dormo moitísimo fóra da casa.

Estudou Dereito Económico e traballou como avogada. Cando decidiu pendurar definitivamente a toga e apostalo todo á literatura?

Foi entre 2013 e 2014. Vai para cinco anos e estou convencida de que foi a mellor decisión que puiden tomar. Levo unha actividade intensísima. Ás veces resultan esgotadoras as xornadas maratonianas, pero é moita a recompensa. Non me arrepinto en absoluto.

Pasou pola facultade de Dereito malia ser unha escritora xa publicada de adolescente. Temía que o da literatura non fose seguro?

Fun unha nena moi lectora e a vocación literaria chegou moi temperá. Estudei Dereito porque non quería facer Filoloxía ou Tradución; non me vía dando clase. Quen me había dicir que de escritora non sairía das escolas. Non tiña vocación de avogada para nada, pero pola situación econó- mica da miña familia non podía ir fóra e eran as únicas opcións en Vigo para alguén de letras.

E como lle foi?

Sufría para aprobar as materias. Era Dereito económico e empresarial e non me dei liberado das matemáticas ata o final... Aínda así, considero que é moi útil saber de dereitos de autor, interpretar un contrato; saber se che intentan poñer cláusulas abusivas nunca está de máis.

"A lingua está en emerxencia. Nos coles das cidades os nenos non saben nin facer unha pregunta sinxela en galego"

Deixou un oficio que se supón moi formal por outro asociado a unha vida bohemia. É tanto así?

A verdade é que o de escritora é un oficio no que paso moito tempo en pixama e zapatillas, encerrada nun cuarto. Son moitas xornadas a pensar. Invisto máis tempo niso que en calquera outra cousa. A trama vénme á cabeza exprimindo o cerebro. Non sería capaz de escribir nunha cafetaría.

Así que nunca faría un JK Rowling, que compuxo o primeiro Harry Potter nun pub de Edimburgo.

Non podería. Ás veces amólame o teléfono e siléncioo. Cando estou escribindo levo mal ata actualizar as redes sociais. Na miña vida diaria son moi caótica e moi desordenada e só consigo ser disciplinada para a escrita. A min a inspiración non me vén, teño que ir buscala. hai un estereotipo moi romántico sobre a literatura, pero non. Les, buscas documentación... A min sempre me gustou estudar e lévoo ben. Cando era avogada vivía moi estresada polos prazos, que non se me pasasen para presentar un recurso, por exemplo, que é algo moi serio. Como son moi despistada, era unha loita contra a miña natureza. Niso, agora vivo moito máis relaxada.

Aínda así, o seu volume de produción é moi elevado. Teño lido que escribiu Escarlatina en 34 días. Márcase prazos moi esixentes?

Si. E adoito cumprilos con moito esforzo. Mentres estou de cole en cole non podo concentrarme en escribir tanto como quixera, polo que aproveito as vacacións escolares. Boto tres meses pechada na casa, obsesiónome. Aínda así, ando cunha novela para adultos que tiña que ter rematada a finais de xaneiro e non poderá estar ata os vindeiros tres meses.

Vostede foi criada en español e non lera nada en galego ata o instituto. Pregúntanlle que por que non escribe en castelán?

Todos os días. Eu cheguei ao galego grazas á colección Fóra de Xogo de Xerais, a Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Suso de Toro, Fina Casalderrey... Hoxe, nos colexios das cidades atopo que a lingua está nunha situación de emerxencia. Moitos nenos non son quen de formular nin unha pregunta sinxela en galego. Intento desmontar o prexuízo contra o galego contándolles que Escarlatina saírá en coreano e que Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta terá tradución en búlgaro. Todo, desde o galego.

"Ti es feminista, como Mary Shelley. Eu tamén son así". Isto lle dixo unha nena de 9 anos nun colexio, contou no Twitter. Como foi?

Sentino con moito orgullo. É unha gratificación por todos eses momentos nos que estás perdida no medio no monte, rodeada de eucaliptos, sen que funcione o GPS para chegar ao cole. Dinche algo así e ves que todo paga a pena.

Ledicia Costas: "A inspiración non me vén, eu vou buscala"