López Silva reivindica o xornalismo "libre e crítico" tras recibir o Premio Fernández del Riego 

A entrega do galardón celebrouse no Café Moderno de Pontevedra
Inma López Silva xunto aos membros do xurado, o presidente de Afundación e outras autoridades. G. GARCÍA
photo_camera Inma López Silva xunto aos membros do xurado, o presidente de Afundación e outras autoridades. G. GARCÍA

A escritora e xornalista Inma López Silva reivindicou este martes o xornalismo "libre e crítico, que remove conciencias", así como a lingua e a cultura galegas. "Sen xornalismo, sen escritura, sen a creación literaria, non sempre temos o momento necesario para pensar como queremos organizar a convivencia. Iso é imposible sen aquelas persoas que levantan a voz", dixo López Silva tras recoller o XVI Premio Afundación de Xornalismo Fernández del Riego polo seu artigo Terra Rota

Afundación, a Obra Social de Abanca, e Ámbito Cultural del Corte Inglés celebraron este martes no Café Moderno de Pontevedra a entrega deste galardón, un acto no que participou, ademais da premiada, o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet, quen abriu o acto dando a benvida aos presentes e eloxiando "o papel fundamental do xornalismo de opinión, que mantén vivo o espírito crítico e a responsabilidade de pensamento dunha sociedade". 

Tras a intervención do xurado, procedeuse á lectura de Terra rota, un texto que interpela ao lector para invitarlle a reordenar as súas prioridades e recordarlle que existen cuestións de vital importancia para todos máis aló das vicisitudes diarias. 

"Faime especial ilusión recibir este recoñecemento, pois eu formei parte de Afundación, e recibir este galardón de parte de compañeiros e compañeiras faio especial", dixo Inma López Silva. 

Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago de Compostela no 1978 e licenciouse e doctorouse en Filoloxía pola USC. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da Sorbona , actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola Superior de Arte Dramático de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde onde desenvolve unha intensa actividade crítica que se materializa nas súas publicacións en Tempos Novos, Revista Galega de Teatro, ADE ou Graal. É autora dunha ducia de libros e destacada escritora de ficción. 

Comentarios