‘Mareas vivas’ celebra os 20 anos cunha gran festa

O programa Inimitables emitirá o vindeiro luns un especial adicado a esta serie histórica que fixo famosos a Luis Tosar ou a Miguel de Lira
 

Mareas Vivas. EP
photo_camera Mareas Vivas. EP

Actores e actrices, veciños e fans de Mareas vivas xuntaranse en Laxe para celebrar un grande aniversario: os 20 anos dunha das series históricas da TVG, que fixo famosos a actores coma Luis Tosar, Miguel de Lira, Isabel Blanco e Luís Zahera, entre outros.

Para celebralo por todo o alto, a TVG ofrecerá o vindeiro luns unha edición do programa Inimitables, conducida por Arturo Fernández, que se converte nunha gran romaría, con moita música e festa e cunha gran sorpresa final.

Os espectadores de Inimitables. 20 anos de Mareas vivas verán como a serie deixou unha fonda pegada entre os veciños de Laxe, xa que moitos se involucraron persoalmente axudando o equipo de produción e outros mesmo foron actores de reparto. Os habitantes do lugar contaron simpáticas anécdotas, coma Manolo do Bahía, que ten un hotel e que foi construíndo máis alturas a medida que se ían gravando temporadas da serie.

A festa terá forma de romaría e celebrase na lonxa de peixe, unha localización que empregaron na serie en diversas ocasións e que identifica esta vila mariñeira.

Alí haberá polbeiros, gaiteiros e ata regueifeiros co obxectivo de crear simpáticas composicións sobre os actores de actrices. Mercedes Peón, o Tren da Unha, as Pandeireteiras de Andora e o grupo de gaitas Marusía serán algunhas das actuacións que se poderán ver no especial.

No programa tamén haberá tempo para lembrar algúns dos grandes momentos da serie e para indagar se realmente existen en Laxe eses personaxes tan identificativos.

Ademais, Inimitables entrevistará as mulleres da vila que fixeron de extras e un percebeiro que é o vivo retrato de Currás.
 

Comentarios