Martiño Rivas: "Sabiamos que a obra podía verse como pornografía emocional"

Un grupo de cinco homes violou unha rapaza de 18 anos nun portal de Pamplona durante os sanfermíns de 2016. Teatro Kamikaze estreou en abril de 2019 a obra Jauría, que este xoves se representa no Auditorio de Lugo ás 20.30 horas. Martiño Rivas (Vimianzo, 1985) é un dos criminais
Martiño Rivas. VANESSA RÁBADE
photo_camera Martiño Rivas. VANESSA RÁBADE

En Jauría Martiño Rivas fai de Antonio Guerrero, que era garda civil cando agrediu sexualmente á moza madrileña.

Que pensou no ámbito persoal cando lle ofreceron encarnar un violador?

Pasou moito tempo. Cando empezamos aínda saíra soamente a sentenza da Audiencia Provincial, faltaban as sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra e do Tribunal Supremo. Ata daquela eu vivira o asunto como unha noticia de actualidade cando estaba collendo forza o feminismo, o 8- M, cando se produciu este caso. Serviu para alzar máis as voces e máis a conciencia.

E como actor?

Vertixe. Todo estaba moi recente. A función é un texto orixinal e non é fición. Recolle literalmente un proceso xudicial. Pretende que o espectador saque as conclusións sobre a culpabilidade dos acusados, pero o director, Miguel del Arco, e nós temos un posicionamento a prol de que o espectador fixese o seu xuízo. Eramos conscientes de que era material delicado e controvertido, de que podía entenderse como pornografía emocional para buscar sensacionalismo; pero é como unha reportaxe. En principio era unha función para institutos e colexios, para favorecer debates. As sesións cos rapaces prolongábanse. Eles están máis concienciados que a nosa xeración, que non tivo ese debate porque non estaba na axenda da actualidade.

Investigou a Guerrero para contruír o personaxe?

Cando collo un texto penso nos obxectivos do personaxe, no que quere conseguir e nos obstáculos que debe salvar para conseguilos. Guerrero ten como obxectivo tirar por terra a versión da vítima e demostrar que el non cometeu un delito. A partir de aí empezas a falar. Sabe que se non demostra a súa inocencia vai pasar 20 anos nunha cela.

Hoxe están máis concienciados que a nosa xeración, que non tivo ese debate porque non estaba na axenda

Como vive a dualidade de ser actor na casa e criminal na escena?

Escoitar a María Hervás, que fai de vítima, era desgarrador. Ás veces tiñamos que parar os ensaios e dicirnos: "Eu poño estes zapatos e ando con eles, pero non son meus. Eu non cometín ese delito".

Fáleme da persoa de Guerrero.

El leva a voz cantante. Era o máis hábil do colectivo a nivel dialéctico por ser garda civil e estar afeito a tratar con autoridade. Pero ese non era o exercicio que eu tiña que facer. Non nos propuxemos iso. O texto xa te leva a iso. Son unha manada. Se subliñas o personaxe poden vérselle as costuras. Debe ser o público quen artelle. É prexudicial darlle todo mastigado. Hai movementos que facemos os cinco ao tempo porque o concepto é que son unha manada. As indicacións do director non eran que os imitásemos, senón universalizar esta traxedia. Non buscamos imitalos nin recrealos. Son cinco rapaces con poucos escrúpulos e cunha concepción distorsionada do que é unha festa.

"Fomos a Sevilla con medo a atoparnos unha reacción hostil por parte do público"

Como o recibiron os estudantes?

Cando presentas o material de forma máis obxectiva custa rachar, pero ao representar esta obra escoitas unha conexión molecular que sobrecolle. As receptividades foron dispares porque non hai consenso. O texto funciona como unha plataforma para facer un debate sobre a muller na sociedade actual. A función era o detonante para esta conversa. A gran maioría estaba concienciada.

Houbo outra actitude por parte do público en xeral cara a esta obra?

Dende a estrea foi extraordinarimanente positiva. Antes recibía acusacións de oportunista, había perxuízos por abordar este tema. As críticas máis duras viñan do sector das artes escénicas, do noso sector, que minusvalora a función social do teatro. O teatro debe ser o espello da sociedade, debe denunciar. O teatro debe ser un instrumento para facer reflexionar. É perigoso invalidar unha función antes de vela.

Ás veces tiñamos que parar os ensaios e dicirnos: ‘Eu poño estes zapatos e ando con eles, pero non son meus'

A Manada é de Sevilla e a agresión sexual produciuse en Pamplona. Actuaron en ambas as cidades.

En Pamplona foi especial porque parte dos actores percorremos as rúas nas que sucederon os acontecementos. Pareceume un exercicio interesante facer esas funcións pisando a mesma terra no que todo aconteceu. Achegounos unha visión máis ampla e máis complexa. Fixo calar a idea de que aconteceu de verdade ao saber que estabas nesas rúas. En Sevilla foi normal. Fomos con medo a atoparnos unha reacción hostil. Foi no Teatro Central, que ten unha das mellores programacións de España e ten un público fiel e entendido.

"Non me gusta vivir como ferida aberta a miña vida privada"

O intérprete comeza Jauría sendo un violador, pasa a encarnar un avogado defensor e acaba interpretando un xuíz.

Vai relaxando a súa responsabilidade respecto dos seus personaxes a medida que avanza a representación.

Vas notando o cambio no corpo, nas enerxías. É como unha sinfonía. Levamos xa 250 funcións e sabes en que parte estás e dis: ‘Ben, agora é máis relaxado’. Aprendes a dosificar a enerxía e o movemento.

Cambia moito actuar nos tempos do covid?

Depende dos sitios, de que teñas un quinto ou un terzo. É unha función na que nos diriximos ao público, na que se rompe a cuarta parede e lle ves as caras. Hai partes da función nas que se ilumina a platea. Foi raro velos con máscaras nas primeiras funcións, resultaba unha sensación estrana, pero habitúaste. O confinamento foi longo. Estivemos oito meses sen traballar, pero puidemos facer a obra. Agora vou facer unha serie.

Conte.

Non sei se podo facelo, así que non o vou facer.

Vostede é fillo do escritor Manuel Rivas. Que opina el desta obra?

Iso resérvoo para min.

Non llo pregunto porque sexa o seu pai, senón como ensaísta que defende o feminismo.

Opina que a obra era necesaria, pero xa lle digo que prefiro reservarme iso.

Aparece na prensa rosa. Diría que a disgusto.

Non me gusta vivir a miña vida privada como se fose unha ferida aberta.

Comentarios