Roberto González Rouco: "O matrimonio mixto foi a solución aos estatutos de limpeza de sangue"

Este lucense, profesor da Uned, vén de publicar 'Conversos na fronteira galego-portuguesa'. Abunda así no pasado xudeu, sobre o que xa ten publicado con anterioridade e que estuda profusamente. No actual libro constata a adaptación dos xudeus ante as persecucións

 

Roberto González Rouco. XESÚS PONTE
photo_camera Roberto González Rouco. XESÚS PONTE

A FRONTEIRA galego-portuguesa é o escenario vital dunha comunidade conversa á que González Rouco seguíu o rastro. Dá as claves nun libro recén publicado.

Adica o seu último libro aos conversos na fronteira galego-portuguesa, eixo dunha comunidade importante. Houbo, non obstante, xudeus noutras zonas de Galicia. ¿Hai constancia da súa presenza en Lugo?

Que se saiba, non. Houbo en Mondoñedo e en Monforte e nun auto de fe fálase dun de Mondo- ñedo e outro de Luarca. Pero si, en Galicia había unha comunidade importante e, tralos andaluces, eran os galegos os máis presentes nos autos de fe.

E nesos autos de fe había moitas condenas de morte?

A pena non era só queimalos. Os castigos máis comúns eran cárcere ou a obriga de levar un sanbenito. De feito, Pontevedra é o único lugar de España onde se atopou ata o momento un sanbenito. Os conversos con máis poder podían comprar a vida ou evitar o cárcere. Tamén aí había corrupción e comprábase a vida.

A Inquisición tiña características distintivas en Galicia?

Mentres estivo en Valladolid, os actos da Inquisición eran rexeitados en Galicia polo pobo e ata pola Igrexa. Pero cando se establece en Santiago en 1574, a persecución dos conversos foi máis dura, máis estrita.

Ben, pero no libro vostede indaga na sociedade dos conversos na fronteira galego-portuguesa. Como era a vida dese colectivo? Mantíñase a relixión?

Era unha cultura ancestral, e como non había xa rabinos, o 95 por cento dos xudeus perdéronse para o xudaísmo. A xente ía a misa, participaba na construción de igrexas e edificios relixiosos. Con todo, por tradición celebraban aínda festas como a de Yom Kippur ou a de Esther, unha festa con moita significación, porque Esther librou ao pobo xudeu da persecución en Persia.

Cando a Inquisición se establece en Santiago en 1574, a persecución dos conversos foi máis dura, máis estrita



A comunidade, con todo, mantense coa súa identidade?

A mediados do século XV, cos Estatutos de Limpeza de Sangue divídese o país entre cristiáns vellos e novos. Ao principio non se cumpren, pero desde o XVII cúmprense e a solución son os matrimonios mixtos, a través dos cales os cristiáns vellos facíanse con acceso ao diñeiro e os cristiáns novos limpaban o sangue. Con todo, a comunidade pervive e todos os que comercian na fronteira son de orixe conversa e esa realidade mantense no tempo ata a independencia das colonias africanas, xa que eran os principais axentes do comercio. Trala independencia de países como Angola, moitos fóronse a Israel.

Aínda hoxe, a través dos apelidos, pode identificarse a herdanza dos vellos conversos?

Os apelidos, tanto en Portugal como en Galicia, cristianízanse. Serían apelidos como Sarabia, Pereira, Cuneiro. Non obstante, quedaron bastantes, como Jacob, que aparece aquí ao lado, no Corgo, Cohen, Benjumea, Salom.

Como se explica un asentamento tan importante na fronteira?

A rexión de Tras Móntesvos era importante porque a súa influencia chegaba de Ourense a Salamanca. Concentrábanse moitos porque desde esa zona podían comerciar e tamén ver aos familiares que quedaran alén da fronteira.

Houbo unha dieta distintiva?  En Portugal, por exemplo, pervive a tradición duns embutidos feitos con vexetais e que parece que te- ñen a súa orixe en estrataxemas para burlar á Inquisición?

Houbo embutidos feitos con vexetais, pero a vixilancia da Inquisición era forte. De todos os xeitos, o normal era que comesen de todo e en Simancas só atopei o caso dunha persoa que se negou a comer porco. E os costumes, evidentemente, van evolucionando. Hai matrimonios mixtos e no século XVIII, de feito, xa non hai conversos. Non se lles persegue porque non se sabe nin quen nin como son.

Con todo, púidoselles seguir o rastro, en boa parte, ao longo da historia.

Si, o filósofo Spinoza procedía desa comunidade e dise que tamén Disraeli, primeiro ministro británico. Dícese que tamén Sá Carneiro era descente dos conversos.

E como lle foi aos que se foron cara ao norte de Europa

Moitos renegaron, porque o poder tíñano os asquenazies e eles tampoco entendían ese xudaísmo. De feito, algúns interpretan nese choque a crítica racionalista da ortodoxia relixiosa que fai Spinoza.

A prohibición que sufriran os xudeus en Europa de ter terras afectou tamén aos da fronteira galegoportuguesa?

O cristianismo prohibíu ter terras e animais e iso afectoulles ata que se converteron, pero para entón xa estaban adaptados ao comercio e a outros oficios e é o que en xeral seguiron facendo.

Comentarios