Unha mestra que florecía nas aulas

"Se tivera que elexir entre ser escritora e profesora quedaría sen dubidalo co segundo", confesou. A súa lembranza non deixa a ninguén indiferente despois de catro décadas de traxectoria

 

Mural realizado por un grupo de alumnos de 4º da ESO do IES Torrente Ballester na biblioteca do centro, que leva o nome de María Victoria Moreno. GONZALO GARCÍA
photo_camera Mural realizado por un grupo de alumnos de 4º da ESO do IES Torrente Ballester na biblioteca do centro, que leva o nome de María Victoria Moreno. GONZALO GARCÍA

Para ela, as aulas foron un paraíso ao que non renunciou até o final, cando a enfermidade llo impediu. Estaba convencida de que educar é axudar ás persoas a ser felices e a espertar as súas capacidades. Nas clases presentábase cada día co seu turbante coqueto, ou co último sombreiro que ocultaba a caída do cabelo por mor da quimioterapia, coa raia dos ollos ben pintada e cun sorriso, pois, como aseguraba, o seu corazón "florecía nas aulas". Este extracto do libro A muller que durmía pouco e soñaba moito, de Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre, recolle plenamente o espírito de María Victoria Moreno como docente.

Ela mesma dixo tamén, como recolle esta biografía, que "isto de ser mestre vén sendo unha profesión tan dura coma a de baixar á mina. Pode chegar a ser desesperante iso de enfrontarse cada día con trinta rapaces (...). E os cachorros, ou sexa os alumnos, saben moi ben con quen están en cada momento e responden, polo xeral, con bastante perspicacia. Aman os profesores que ven felices porque intúen amor nesa felicidade e detestan aos que están tristes porque intúen desamor nesa tristeza. Así a aula pode ser para todos un paraíso ou un inferno".

O que é seguro, despois de 39 anos de carreira docente, é que non foi unha mestra que pasase desapercibida, para ben ou para mal, e así a lembran aínda hoxe. 

De Pontevedra a Lugo e volta
A traxectoria como mestra de María Victoria Moreno comezou en 1963, despois de rematar unha licenciatura brillante e casar con José Luis Llácer. Ao ser destinado el ao colexio da Once, en Pontevedra, o matrimonio veu vivir a Galicia. En outubro foi contratada como profesora interina de Latín e no curso seguinte, de Francés no Instituto Femenino, o actual IES Valle Inclán. 

José A. Abraldes: "Era la única que me corregía los exámenesen braille"

En 1965 aprobou as oposicións de Lingua e Literatura Castelá e foi destinada ao Instituto Masculino de Lugo, onde traba amizade con Xesús Alonso Montero. El mesmo lles conta a Fina e Marilar que "os alumnos namoraban dela e non resultaba estraño: unha profesora nova, guapa, que conducía con destreza, lía poemas con paixón e mesmo os agasallaba cunha caixa de bombóns", costumes que non deixou atrás despois de catro décadas de docencia.

Ao volver de Lugo, no curso 1967-68, regresou ao Instituto Femenino de Pontevedra para impartir Literatura Castelá a rapazas de Bacharelato. Entre elas estaba a futura lingüista e académica Rosario Álvarez Blanco, quen lembra como empezou a introducir pequenas pílulas de literatura galega nas súas aulas. "Con María Victoria aprendín cousas da vida. Levaba a vida á escola", lembra Pilar Álvarez, alumna de nocturno. 

Neste instituto permaneceu case dúas décadas, ata o curso 1985-1986. Neste último, precisamente, tivo como alumno a José Ángel Abraldes, actual director do CRE da Once, en 2º de BUP. "María Victoria me hacía sufrir muchísimo", lembra máis de 30 anos despois. El tiña que facer os exames en braille e, como os mestres non os sabían corrixir dese xeito, debíaos ler en alto. Pero non era o caso da mestra de Literatura Española. "Ella sí sabía leer en braille y, como entonces yo aún veía un poquito, me traía el examen subrayado con un rotulador gordo. Señalaba los errores con flechas muy marcadas con una M o una B y yo podía corregir mi examen de manera directa, como el resto de mis compañeros. Para mí aquello era plenamente integrador. Hacía las cosas como uno más". 

Gaspar Broullón: "Era calquera cousa distinta a unha profesora convencional"

Ademais, lembra que Moreno era "una persona muy cercana a la gente, una profesora a la que no le gustaban los programas, sino las emociones. Era una enamorada de El Quijote y nos hizo leer a todos la primera y la segunda parte. La comentábamos todos los días en clase con mucho detalle". Pero Abraldes xa a coñecía antes de atoparse con ela nas aulas. "José Luis Llácer me dio clase cuatro años en el colegio de la Once. Sus hijos eran amigos míos de pequeños y, de hecho, mi hijo y su nieta fueron compañeros de clase". E, ademais de todo, o que máis lembra da súa antiga mestra é a súa voz. "Tenía un timbre y una modulación de la voz muy peculiar. Me gustaría volver a escucharla en alguna grabación".

Catedrática en Vilalonga
Entre 1986 e 1990 exerceu como catedrática no Instituto de Vilalonga (Sanxenxo). Alí coincidiu con Eva Mejuto, a autora que aínda hoxe se laia porque "non tiven a sorte de ser alumna súa, como arelara desde a EXB ao saber que alí había unha escritora, unha de verdade". Lembra que "era ben doado recoñecela polos corredores, co seu cabelo mesto, recollido nun moño, e gafas grandes. Co seu andar grave, ergueito, orgulloso, sempre fumando, sempre atenta á rapazada que lle preguntamos calquera cousa só por escoitala falar con esa paixón".

O 'Quinto', a súa casa
En 1990 volve para dar clase na súa cidade de adopción, concretamente no Instituto Mixto nº 5, o Quinto, que posteriormente se rebautizou como IES Torrente Ballester. Nas súas aulas permaneceu ata a xubilación, en 2002, pese á súa enfermidade. "Para min, ser profesora é unha paixón. Se tivese que elixir entre ser escritora ou profesora, quedaría sen dubidalo co segundo", confesoulle a Neira Cruz nunha entrevista en 1999. 

Eva Mejuto: "Era ben doado recoñecela polos corredores, co seu andar ergueito"

Pouco antes da retirada coincidiu co actual director, David Castro. "Coñecina en 2001, cando cheguei ao instituto. Sorriume, sentei e comezamos a falar. A escola era a súa vida". 

Tamén coincidiu con outro mestre, Manuel Lourenzo, quen, casualmente, foi o seu alumno a mediados dos anos 80, nos cursos de especialización en Lingua e Literatura Galega para mestres de EXB. "Descubrín unha persoa moi especial desde o primeiro día. Era moi sabia. Vivíao cunha enorme paixón e quería transmitir esa visión e ese amor pola lingua e a literatura galega". 

Pasados os anos "fixemos certa amizade. Como compañeira era moi especial, non era o prototipo de profesora de instituto, tiña un carácter que brillaba con luz propia, para ben e, para algunhas persoas, para mal. Non todo o mundo conxeniaba coa maneira de ser dela". Destaca "a súa xenerosidade" e que "tiña un alto concepto da xustiza social". 

Un daqueles estudantes foi Gaspar Broullón, a quen Moreno lle deu clase de Literatura Española en 3º de BUP (1998-1999) e de Lengua Española en COU. "Como era María Victoria? Das que marcan. Era calquera cousa distinta a unha profe convencional. De feito, lembro que en COU había xente moi nerviosa polo Selectivo, porque o seu tipo de aprendizaxe ía moito máis alá dos libros, dos programas docentes... O dela era un ensino que procuraba achegar moito aos autores, descubrir o que había detrás dos libros e era unha aprendizaxe que saltaba moito á vida".

David Castro: "Coñecina en 2001 cando cheguei ao instituto. A escola era a súa vida"

Broullón, realizador audiovisual e profesor universitario, confésase "un dos namorados de María Victoria; gañoume o segundo día de clase". Dúas décadas despois  asinou un emotivo documental que se gravou no Torrente no que recolleu "un conxunto de reflexións, de momentos de vida de xente que compartiu instantes con ela". Lembra que "non era unha persoa que evitara o conflito nin que calara cousas pensando se podían sentar mellor ou peor. A todos os que tivemos ese contacto con ela iso tamén nos parece un rasgo de personalidade moi característico. Tivo encontróns moi fortes con xente á que non lle caía moi ben, pero a todos os que chegamos a coñecela de verdade nos deixou esa pegada que co tempo acaba traducíndose en cariño". 

No IES Torrente Ballester non a esquecen. Ela é a alma da biblioteca do centro, que leva o seu nome dende 2011. Alí repousan os case 5.000 libros que doou, entre eles a súa amada colección de Quixotes. Alí tamén permanece o seu retrato, en forma dun acrílico sobre parede que elaborou un grupo de alumnos da ESO hai uns meses. E a exposición coa que o centro gañou un premio da Xunta, Sombra de luz, na que se recollen frases da homenaxeada como esta: "Na aula véxome como se estivera no parque, ao aire libre, nun día de sol, dando de comer ás pombas na miña man".
 

Comentarios