Morre o actor británico Albert Finney

Participou en películas como Dous na estrada (1967) Tom Jones (1963) ou Erin Brockovich (2000)

Albert Finney. EP
photo_camera Albert Finney. EP

O actor británico Albert Finney, candidato a varios premios Óscar da academia de Hollywood, morreu aos 82 anos tras unha curta enfermidade, informou este venres a súa familia.

Finney participou en películas como Dous na estrada (1967) Tom Jones (1963) ou Erin Brockovich (2000), entre moitas outras, así como no filme do axente secreto James Bond Skyfall (2012).

"Albert Finney, de 82 anos, faleceu en paz logo dunha curta enfermidade, cos seus seres queridos ao seu lado. A familia pide privacidade neste triste momento", indica o comunicado dos seus achegados.

Finney, nacido en maio de 1936, foi un actor de longa traxectoria filmográfica, cunhas sesenta películas ás súas costas e cinco nomeamentos para os premios Óscar, ademais de numerosos galardóns, como tres Globos de Ouro e dous premios británicos Bafta.

O actor, que se fixo particularmente famoso nos anos sesenta e setenta, foi candidato ao Óscar como mellor actor por Tom Jones, Asasinato no Orient Express (1974) , A sombra dun actor (1983) e Baixo o volcán (1984), e a mellor secundario por Erin Brockovich.

Naceu en Salford, norte de Inglaterra, no seo dunha familia de poucos recursos que lle impediu formarse na Universidade, aínda que pronto se inclinou polo mundo da interpretación, o que lle permitiu estudar na Real Academia de Arte Dramático.

Tamén foi actor de teatro ao subirse ás táboas para interpretar unha versión de Hamlet, de William Shakespeare, no Teatro Nacional de Londres.

Fixo o papel ademais do personaxe Hercule Poirot en Asasinato no Oriente Express así como do exprimer ministro británico Winston Churchil no filme Ameaza de tormenta (2002), polo que gañou un Globo de Ouro. 

Comentarios