A mostra 'Corpos Presentes' reúne en Santiago obras de Kiefer, Gormley, Bourgeois e Chillida

Feijóo destaca a capacidade de Galicia para avanzar inspirada na súa tradición como "camiño e destino"
Inauguración da exposición. XUNTA DE GALICIA
photo_camera Inauguración da exposición. XUNTA DE GALICIA

A igrexa da Univerisdade de Santiago de Compostela (USC) e o Colexio de Fonseca acollen ata o 3 de xullo a mostra Corpos Presentes, unha selección dalgunhas das obras máis importantes da colección de arte da Fundación María José Nova concibida para o Xacobeo 2021-22.

En concreto, unha trintena de pezas de autores como Kiefer, Baselitz, Gormley, Chillida, Ángela da Cruz e Bourgeois desenvolven unha narrativa en torno ao corpo, invitando a repensar conceptos básicos da peregrinación con procesos místicos e espirituais implícitos tamén no proceso creativo.

A mostra foi inaugurada na tarde deste xoves polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen destacou na súa intervención a capacidade de Galicia para avanzar como fixo nos últimos 40 anos, inspirada na súa tradición como "camiño e destino".

"Cumprimos corenta anos de autogoberno nos que a sociedade que habitamos mudou, cambiou para mellorar, porque o movemento é camiño, avance. Progresamos porque non somos unha sociedade estática", recordou, incidindo en que, no ronsel deste movemento imparable, os galegos atopamos a historia dos nosos, "dos que nos trouxeron ata aquí".

Durante a inauguración da exposición e segundo informou a Xunta nun comunicado, Feijóo sinalou que esta mostra propón unha "peregrinación" que transita prol a obra de Castelao, Salvador Dalí ou Tapiès.

"Na trintena de pezas de pintura, escultura e técnicas mixtas atopamos unha analogía entre transitar polo itinerario que nos propón esta exposición e a experiencia do camiñante", dixo, aseverando que esta relación se realza polo propio emprazamento da mostra -a igrexa da Universidade e o Pazo de Fonseca-, e o momento, o Xacobeo 2021-2022.

Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta agradeceu o compromiso e o traballo da Universidade de Santiago (USC), organizadora da morta; da comisaria Susana González; e da Fundación María José Jove, unha entidade cunha destacada vocación pola sociedade galega que transcende o artístico, como proba das súas iniciativas a favor da infancia e a inclusión social.

Pola súa banda, conforme sinalou a Fundación nun comunicado remitido aos medios, Felipa Jove explicou que a colección de arte da entidade evolucionou nos últimos anos explorando a condición das fronteiras que definen os límites, os territorios ou as identidades e avogando por crear espazos de debate e reflexión. "Corpos Presentes é un claro exemplo. E non había mellor momento para facelo que no marco do Xacobeo", manifestou.

Comentarios