A mostra 'Galicia, un relato non mundo' incorpora realidade virtual e aumentada

Distintos dispositivos de detección sensorial formarán parte importante da experiencia dos visitantes
Un visitante na Cidade da Cultura cun dispositivo de realidade virtual. XUNTA
photo_camera Un visitante na Cidade da Cultura cun dispositivo de realidade virtual. XUNTA

A mostra 'Galicia, un relato non mundo' incorporará as novas tecnoloxías como "un elemento central do relato da exposición", de modo que a realidade virtual, a realidade aumentada e distintos dispositivos de detección sensorial formarán parte importante da experiencia dos visitantes.

Esta exposición, que a Xunta pretende converter na primeira gran mostra do Xacobeo 2021, inaugúrase a próxima semana e estará aberta ata abril de 2020.

Entre outras aplicacións, a mostra converterá a arquitectura do Museo Centro Gaiás "a través da realidade virtual" nun transatlántico da emigración galega a América; permitirá dar vida a todo un universo da Galicia medieval empregando tecnoloxías propias dos videoxogos e recreará o templo no que se atopa a referencia ao pobo dos galaicos máis distante, o Sebasteion das Afrodisias en Turquía. 

Os visitantes que se acheguen ao Museo Gaiás a partir do 15 de novembro terá, ademais, grazas ás novas tecnoloxías distintos niveis e capas de profundización, a demanda, en cada unha das máis de 300 pezas que compoñen a mostra. 

Moitas destas pezas poderanse ver por primeira vez en Galicia chegadas desde institucións de referencia de todo o mundo, desde o Museo do Prado, ata as bibliotecas das universidades de Oxford e Cambridge (Inglaterra), o Trinity College de Dublín (Irlanda) ou o Museu Nacional de Arqueologia de Portugal. 

Algunhas destas obras son o Libro das Invasións "no que se atopa a primeira mención coñecida a Breogán", o Mapa de Sawley "considerado un dos primeiros mapas mundi enciclopédicos europeos, no que se representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa", a Biblia Kennicott "manuscrito considerado unha xoia da iluminación medieval e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia", ou a Santa "unha das obras máis significativas" do escultor Francisco Asorey.

O uso de distintas aplicacións permitirá aos visitantes, "sen tocar nada, manipular libros ou despregar mapas" que axuden a comprender o significado e a procedencia das pezas ou desvelan historias gardadas en antigos códices, cunha narración visual "e con recursos tomados de linguaxes (máis) próximas ao usuario, como o cómic ou o grafiti".

Comentarios