O Consello da Cultura Galega (CCG) presentou este martes Antroponimia e lexicografía, unha nova publicación que, entre outras cousas, incide no valor simbólico dos apelidos en Galicia.
Este volume parte das conferencias lidas no Simposio Antroponimia e Lexicografía, organizado polo Instituto da Lingua Galega (Ilga) en 2016, coordinado pola profesora Ana Boullón coa cooperación da tamén investigadora Sandra Beis Silva.
O traballo recompila contribucións sobre a elaboración de dicionarios antroponímicos, tanto desde unha perspectiva románica como en distintos ámbitos xeográficos (Italia, Reino Unido e Irlanda, Estados Unidos, Galicia), así como a conexión entre a antroponimia e o léxico común, e sobre aspectos específicos do estudo da antroponimia galega (problemas etimolóxicos, sobre a transmisión dos apelidos e o estudo histórico dunha área concreta).
Por primeira vez Antroponimia e lexicografía realiza unha aproximación ao valor simbólico dos apelidos en Galicia, de forma que se contribúe ao tratamento lexicográfico dos apelidos e profundar no conocomiento deles no territorio galego.
A coordinadora do traballo, Ana Isabel Boullón, indicou este martes, durante a presentación do volume, que este é o resultado da colaboración do Instituto da Lingua Galega no marco do proxecto PatRom (Patronímica Románica) que tiña como obxectivo realizar un estudo de todos os apelidos románicos.
Explicou que igualmente o proxecto PatRom constituíu o xerme do futuro Dicionario dos apelidos galegos, "un proxecto lexicográfico sen parangón no ámbito hispánico, xa que os poucos que existen non reúnen o suficiente rigor etimológico ou documentación histórica", en palabras de Boullón.
A profesora expuxo que aproximadamente un 17 % dos apelidos casteláns que existen en Galicia non proveñen da deriva da inmigración de xente que veu da meseta senón que proceden da castellanización dos apelidos galegos na súa orixe a partir do século XVI.
"A castellanización foi un proceso continuo desde o século XVI que se fixo contra a vontade dos interesados", dixo Ana Isabel Boullón. Indicou que un dos propósitos do Dicionario dos apelidos galegos "é ofrecer ás persoas a posibilidade de restituír o seu apelido antes de que fose deformado".
Engadiu que o libro tamén pretende pór de relevo o valor simbólico dos apelidos en Galicia desde o enfoque da súa identidade. "Todas as persoas séntense moi vinculadas cos seus apelidos; o apelido ten un valor patrimonial, é de toda a sociedade, unha parte lingüística que nos pertence a todos, pero tamén ten un valor afectivo e persoal, que ten que ver coa identidade", afirmou.
Pola súa banda, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, manifestou que unha das liñas nas que máis destacou a lingüística galega no últimos cincuenta anos foi a onomástica, tanto desde o punto de vista antroponímico como toponímico.