A obra de Cachaldora, en Baiona tras tres anos da súa última exposición en Galicia

O pintor ourensán colga a súa colección Atlántica no Liceo Marítimo da localidade pontevedresa
Rafa Cachaldora
photo_camera Rafael Cachaldora. CEDIDA

A obra de Rafael Cachaldora regresa a Galicia xusto cando se cumpren 20 anos da súa primeira exposición e 10 desde a súa primeira mostra internacional. O Liceo Marítimo de Baiona -organizador da mostra- acollerá a colección, que leva por nome Atlántica, durante todo o mes de agosto. No proxecto tamén colabora o Concello da localidade pontevedresa.

"O feito de volver expor a miña obra en Galicia ten unha connotación moi especial para min, porque estou moi apegado á miña terra. Pensei que eran dous anos os que levaba sen facelo e resulta que xa fai tres, e faime moita ilusión -especialmente con esta colección, que foi creada aquí-", afirma o artista.

A mostra Atlántica reúne un total de 20 cadros inéditos -impresións dixitais-, realizados por Cachaldora en Baiona entre os anos 2018 e 2019. A colección de obras exposta ten como eixo central ilustrar instantes e estampas mariñas. "Despois de toda a vida residindo en Ourense, agora levo dous anos vivindo en Baiona. Para alguén de interior o feito de poder descubrir a sensación do mar a diario impacta bastante -positivamente-. Está a ser unha época moi potente na miña vida", asegura.

Rafael Cachaldora é un artista multidisciplinar que nace en 1973 en Ourense. Traballa con diversos materiais, soportes e técnicas. No ano 2001 recibe o segundo premio no Certame Galego de Artes Plásticas Xuventude 2001 pola escultura Tosca Naturaleza Humana.

No periplo internacional, cabe destacar Ontología (2009), primeira mostra internacional do artista en Monforte San Giorgio, en Messina, Sicilia, Castiglione de la Pescaia e Siena, na Toscana. Tras esta exposición aterrou en Polonia, para presentar Divina Comedia (2010) no Campus Natolin de Varsovia. A colección de Ontología formou parte da exposición que puido verse no Museo Municipal de Ourense en 2014. No verán de 2015 presentou a súa última exposición internacional EuroAsia que se celebrou en Moscova e en setembro dese mesmo ano colgou as súas ilustracións no pavillón italiano da Expo 2015 celebrada en Milán.

O autor de Atlántica confesa que "podería dicirse que esta é a miña primeira colección que está fortemente influenciada pola paisaxe dun determinado lugar. Polo xeral, as miñas obras vense influenciadas por aspectos da miña vida persoal e non por un lugar en concreto, pero neste caso non". "Aínda así, o que estou a pintar neste conxunto de obras non son as paisaxes, senón as sensacións que me espertan esas paisaxes", indica.

A exposición permanecerá colgada nas paredes da Sala de Exposición do Liceo Marítimo de Baiona desde o 1 de agosto durante todos os días da semana ata o final do mes, en horario de 12.00 a 23.00 horas.

Comentarios