viernes. 28.02.2020 |
El tiempo
viernes. 28.02.2020
El tiempo

Nazaret López: "Dinlle á protagonista: 'Sen home non es ninguén"

Nazaret López. XESÚS PONTE
Nazaret López. XESÚS PONTE
Hai golpes tan intensos que afectan a órganos vitais. Nazaret López detalla en Formigas nos pés (Xerais) o que sofre Eva cando racha co home que ía acompañala o resto da vida. Acaba atopando correntes de aire para coller altura. A autora traballa na radio municipal de Ames, tras pasar por El Progreso e a CRTVG.

A novela empeza cun arrepentimento. Eva, que ten 50 anos, deu unha segunda oportunidade. "Mala idea foi regresar cando o período de convalecencia estaba case feito", escribe Nazaret López (Lugo, 1959).

A personaxe busca saídas na arte, nas amigas, nas viaxes...
Sérvenlle para sandar feridas e colocar as cousas no seu lugar, sen culpables nin inocentes.

Construíu Eva sobre Nazaret?
A emocionalidade da novela está onde podo estar eu. A personaxe decide ser pintora. Hai algo diso en min. A pintura é a miña gran frustración. Na miña familia pintan. O meu pai pintaba e o meu fillo pinta, ilustra e deseña profesionalmente. Eva fora deixando a súa esencia de pintora para dar importancia a aquilo que lle parece que a ten: a súa relación. Segue pintando e vai metendo para dentro dos caixóns. Niso parecemenos; eu, coa literatura.

Eva busca mulleres ás que lle pasasen cousas parecidas.
Hai comparación en verte pequena e vella.

Detalla os sentimentos, as ideas, as accións...
A novela tiña un cento de folios máis. Escribina en dous anos e medio, acabeina hai tres ou catro anos. Depureina. Quiteille contos e cousas que xa contara.

Está narrada por unha muller. 
É unha novela sentimental, busca emocionar.

Sería posible usar tantos matices no caso dun home?
Sorprendeme que os homes non teñan esa sensibilidad. Hainos que a teñen.

Un home non lle contaría o que está sufrindo aos amigos.
As amigas achéganlle sororidade á personaxe. A tribo da familia xa non existe, pero as mulleres nos apoiamos de verdade.

Antes, cando acababas unha relación e eras muller, dicíanche que quedaras para vestir santos

O crítico Xosé Manuel Eyré puxo categorías ás amigas de Eva: a sabia, a cómplice, a activista, a herdada, a triste, a entusiasta, a meiga e a artista.
Esas amigas das que fala a crítica de Xosé Manuel Eyré son o acicate para a personaxe.

Tivo críticas positivas de Eyré e máis de Manrique Fernández. Dous homes.
Dábanme medo as críticas dos homes, pero foron boas. Como di Eyré, é unha novela feminina que pode ler calquera persoa que pase por unha quebra. Hai homes que son sensibles e poden vivir o dó estando tristes, e levantarse e recaer. Sorpréndeme os moitos homes que se identifican coa personaxe. Hai un factor xeracional en preguntarse que faría un rapaz ou unha rapaza. Antes, cando acababas unha relación e eras muller, dicíanche que ías quedar para vestir santos. Unha amiga miña sepárase e volve á vila natal. Reúnese coas mulleres coas que criou os fillos e elas dinlle: "Terás que buscar alguén coma ti porque nós temos parella".

Existe unha dimensión social na ruptura.
Cando quedas soa hai unha parte social da separación. Esqueceras o que custa volver onde estabas e tamén volver os lugares os que ías cando ías coa parella. "Sen home non es ninguén", dinlle á personaxe.

De onde xurde o libro?
Hai oito anos tiven unha quebra na miña vida. No canto de escribir teatro, como viña facendo, empecei a escribir contos e poemas, estampas pequenas. Unha amiga díxome que debería facer unha épica con todo iso.

Eva ten 50 anos cando cando racha con Adán.
Cada un vive o dó dun xeito moi persoal. Hai cousas que veñen de atrás, da adolescencia. O dó aos 25 ou 30 anos é diferente que aos 50. De nova é máis traumático, pero tes enerxía e tes futuro. É un camiño máis amplo. Con 50 é distinto porque tes unha vida feita e levas moito vivido e durmido con esa persoa.

Nazaret López: "Dinlle á protagonista: 'Sen home non es ninguén"
Comentarios