A Radio Galega encadra nun "cambio de formato" a polémica por 'Diario cultural'

A CRTVG asegura que se ampliará o horario da información cultural e a oposición pide explicacións no Parlamento

Ana Romaní. CRTVG
photo_camera Ana Romaní. CRTVG

A Radio Galega anunciou este mércores varios cambios na súa programación para a próxima tempada, despois do verán, entre eles, "un cambio de formato" do programa Diario cultural, que leva emitíndose co mesmo formato varias décadas.

O cambio precisamente neste espazo, que inclúe o abandono das súas funcións pola súa condutora durante este tempo, Ana Romaní, provocou críticas de traballadores da corporación e multitude de mensaxes nas redes sociais de diversos colectivos protestando pola "desaparición" do programa, así como outras críticas sobre as desconexións locais, que abandonan a súa franxa e intégranse na información xeral.

Segundo indica a CRTVG nunha nota, a radio pública fará unha forte aposta" pola información cultural e traballará neses contidos cun "amplo departamento de nova creación que seguirá co consolidado Diario cultural.

"O veterano programa da emisora pública cambia de formato para converterse nun elemento estrutural da nova grella. Realizaranse catro edicións diarias. Isto supón que se duplica o tempo de cultura diario na Radio Galega, que pasa de 50 minutos a 100 e en máis franxas horarias, o que significa máis diversidade de público con acceso á cultura", asegura a corporación. O fin de semana, como "novidade", haberá outras tres edicións en directo do Diario cultural "que agora mesmo non existen".

Ademais de novas "incorporacións" haberá outras "novidades", como a creación dunha web específica de em<> Diario Cultural para facer accesibles todos os contidos dixitalmente.

Segundo a CRTVG os informativos e principais programas incrementarán a súa duración para integrar a cobertura dos asuntos de carácter local e de contidos especializados.

Galicia por diante emitirase entre as 06.00 e as 14.00 horas combinando a información e o entretemento e Crónica das dúas ampliará o seu horario para emitirse entre as 14.00 e as 14.45 horas, dedicando este último cuarto de hora á información de ámbito local e comarcal.

Na nova programación, da que proximamente ofrecerán todos os detalles, a CRTVG destaca a creación de dúas "marcas que estarán vinculadas" ao Galicia en goles, que serán Zona mixta e Ao contraataque; o primeiro de análise e información entre as 15.00 e as 16.00 horas —o espazo que ocupaba Diario cultural— e o segundo de 23.00 a medianoite.

A OPOSICIÓN PIDE EXPLICACIÓNS.  O Comité Intercentros de CRTVG reprobou os cambios anunciados na programación da Radio Galega a partir do 10 de setembro e avanzou que acordará coas persoal mobilizacións para que se revertan estas decisións, mentres que os tres grupos da oposición (En Marea, PSdeG e BNG) demandaron a comparecencia urxente no Parlamento do director da compañía de medios públicos, Alfonso Sánchez Izquierdo, para dar explicacións. 

Comentarios