jueves. 04.06.2020 |
El tiempo
jueves. 04.06.2020
El tiempo

Redrum ensaia xa 'O mozo da última fila'

A compañía teatral, tras unha residencia artística de tres semanas no Auditorio de Rianxo, estreará en Santiago os días 16 e 17 de abril o seu novo espectáculo

Redrum Teatro está xa a ensaiar o que será o seu novo espectáculo: O mozo da última da fila. Dirixida por Alex Sampayo, a montaxe converterase na primeira adaptación ao galego do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga que, a través desta mordaz obra que a compañía estreará en Santiago os días 16 e 17 de abril, nos presenta unha fonda reflexión cargada de ironía sobre a fascinación polas vidas alleas, a manipulación dos seres queridos e a lexitimidade de toda creación artística que emprega como materia prima a realidade que nos envolve.

Trátase da primeira adaptación ao galego dun texto do prestixioso dramaturgo Juan Mayorga

Cartel VerticalNese difuso límite entre ficción e realidade móvese O mozo da última fila, peza que xira ao redor dun profesor de literatura e un alumno, interpretados respectivamente por Roberto Leal e Guillermo Carbajo, que se enlean con complicidade nun atípico tour de force literaria que acaba por derivar nunha sorte de xogo psicolóxico que afectará as súas contornas persoais. Xunto a Carbajo e Leal, subirán a escena Mónica García, Machi Salgado, Belén Constenla e Rubén Porto.  Este equipo artístico, ao que toca sumarlle a Davide González no espazo sonoro, María Illobre na caracterización e Jose M. Faro Coti na escenografía, atópase ensaiando nunha residencia artística de tres semanas no Auditorio do Concello de Rianxo de cara á súa estrea, que terá lugar no Teatro Principal de Santiago os dias 16 e 17 de abril. Tras estras dúas funcións, das que xa se poden mercar as entradas en www.compostelacultura.gal, O mozo da última fila continuará a súa xira no Pazo da Cultura de Narón o 25 de abril e no Salón Teatro de Lalín, o 15 de maio. Redrum, ademais de dispor da inestimable colaboración do Concello de Rianxo, conta co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das liñas de axuda á creación escénica.

A montaxe, dirixida e adaptada polo lalinense Alex Sampayo, está protagonizada por Guillermo Carbajo, Roberto Leal, Belén Constenla, Mónica García, Rubén Porto e Machi Salgado.

ENTRE A LITERATURA E A VIDA. O dramaturgo Juan Mayorga, académico da Real Academia Española e Premio Nacional de Teatro, tamén afonda en O mozo da última fila noutra serie de aspectos que serven de pano de fondo. Así, o autor fálanos do mundo educativo, da alienación cultural ou da clase media a través da historia de Xermán, un veterano e desmoralizado profesor de instituto que a principio de curso, pídelle ao seu alumnado que escriba unha redacción sobre a súa fin de semana.

De todos os traballos, chámalle a atención  a calidade do texto de Claudio, estudante  introvertido que non participa nin destaca, nin por arriba nin por abaixo. Na súa redacción, Claudio xoga coa ficción e a realidade a través da observación da familia dun compañeiro. Así comeza un relato por entregas entre alumno e profesor que acaba convertido nun xogo perigoso, tanto para eles coma para quen os rodea.

Tras a súa estrea, 'O mozo da última' fila xirará por Lalín e Narón

A compañía Redrum Teatro funciona como unha empresa cultural dedicada a produción e distribución de espectáculos e a edición de libros dende o ano 2009. Dende a súa fundación, a compañía levou a escena obras para o público familiar (Moito Conto, Roedores ou A nena que quería navegar) e diversos espectáculos para adultos, entre as que cómpre destacar Currículum vitae, Noiteboa, A canción do Elefante, Idiota ou Invisibles, montaxe esta última galardoada cos Premios María Casares á dirección, á iluminación e o texto adaptado en 2019. Para a súa duodécima produción, Redrum escolle O mozo da última fila, obra de Mayorga galardoada co Premio Max que leva 26 adaptacións en todo mundo e que foi levada ao cine por François Ozon na fita gala Dans la maison (Concha de Ouro do Festival de Donostia, 2012).   

Redrum ensaia xa 'O mozo da última fila'
Comentarios