Sabela non se coa entre os finalistas para Eurovisión pero aínda ten posibilidades

A canción Muérdeme, interpretada por María, foi a proposta máis votada, por diante de Hoy vuelvo a reír otra vez, cantada por Noelia, e La clave de Natalia

Sabela. INSTAGRAM
photo_camera Sabela. INSTAGRAM

Ningún dos dous temas defendidos por Sabela Ramil para representar a España no próximo festival de Eurovisión se atopa entre os favoritos, pero a cantante pontesa aínda ten posibilidades.

RTVE publicou este xoves o ranking das cancións máis votadas, encabezado por Muérdeme de María, Hoy vuelvo a reír otra vez de Noelia e La clave de Natalia, que pasan directamente á final.

Hoy soñaré de Sabela atópase na metade da táboa, polo que de momento mantén as posibilidades de chegar á final. Este xoves, a Comisión de valoración elixirá o resto de cancións seleccionadas para a gala de OT Eurovisión, que se darán a coñecer este venres 4 de xaneiro. 

TEMAS FINALISTAS. A canción Muérdeme, interpretada por María, foi a proposta para Eurovisión máis votada polos usuarios de rtve.es, por diante de Hoy vuelvo a reír otra vez, cantada por Noelia, e La clave de Natalia. 

Detrás das tres cancións máis populares escóndense nomes moi coñecidos para o público. Segundo informou RTVE, Muérdeme, está composta por Juan Suárez e David Feito, ambos os membros do grupo El Sueño de Morfeo. Xunto a eles, participaron nesta proposta Vitoria Riba (quen compuxo para Mireya Bravo de OT2017) e Nuria Azzouzi e Rosa Martínez (que traballaron con Gemeliers, Adexe & Nau ou María Parrado). 

Ademais, Hoy vuelvo a reír otra vez, a segunda máis votada, é obra de Jacobo Calderón, recoñecido produtor e compositor con máis de 70 discos, 10 millóns de copias vendidas en todo o mundo e varios nomeamentos aos premios Grammy; e o cantante Álex Ubago, que tamén exerceu como compositor para artistas como Blas Cantó, Bely Basearche ou Manu Manzo, entre outros. 

En canto á proposta que interpreta Natalia, La clave, RTVE destaca que está liderada pola cantante Merche e por Ander Pérez, autor, entre outras, da canción Díme que Beth defendeu en Eurovisión en 2003. 

Comentarios