Saen á luz máis de cen manuscritos de Einstein, algúns inéditos

A nova colección "arroxa luz sobre o científico e o home tras a ciencia"

Albert Einstein. EP
photo_camera Albert Einstein. EP

A Universidade Hebrea revelou este mércores en Xerusalén 110 páxinas de manuscritos, algúns inéditos, do físico alemán de orixe xudía Albert Einstein que inclúen reflexións que dirixe ao seu fillo durante a época da Alemaña nazi e apuntamentos da teoría unificada.

A nova colección "arroxa luz sobre o científico e o home tras a ciencia", asegurou nun comunicado a institución que axudou a fundar e á que legou os seus escritos persoais e científicos, o que deu lugar aos Arquivos de Albert Einstein.

Unha carta escrita por Einstein ao seu amigo e enxeñeiro ítalo-suízo Michele Besso. UNIVERSIDADE HEBREA DE JERUSALÉN

Entre os manuscritos hai 84 follas con derivadas matemáticas datadas entre 1944 e 1948 que dan "unha visión directa, inédita, sobre o traballo dunha das mentes máis creativas na historia da ciencia", sinalou a Universidade sobre o pai da Teoría da Relatividade.

Inclúen tamén un apéndice sen publicar a un artigo científico sobre a Teoría Unificada que presentou á Academia da Ciencia Prusiana en 1930, que a Universidade considera como un máis dos tantos intentos do físico de unificar as forzas da natureza nunha soa teoría, tarefa á que dedicou os últimos trinta anos da súa vida.

Ademais, hai unha carta escrita por Einstein en 1935 na que mostra ao seu fillo Hans Albert, que entón vivía en Suíza, a súa inquietude sobre a deterioración da situación en Europa e o ascenso do partido nazi, anticipándose ao devir da rexión.

"Lin con certa aprensión que hai bastante movemento en Suíza, instigado polos bandidos alemáns. Pero creo que incluso en Alemaña as cousas están a empezar a cambiar lentamente. Esperemos que non teñamos unha guerra en Europa primeiro... O resto de Europa empeza finalmente a tomarse a cousa seriamente, especialmente os británicos", expuxo.

Noutras catro misivas ao seu amigo e tamén científico Michele Besso, Einstein comparte parte do seu traballo sobre a absorción e emisión de luz dos átomos que derivaría nas bases para a tecnoloxía láser, ou reflexiona e chancea sobre asuntos como a familia ou a identidade xudía.

"Como goy (gentil, en hebreo) non estás obrigado a aprender o idioma dos nosos pais", dille a Besso, que estuda o hebreo, "mentres que eu, como 'santo xudeu' debo sentir vergoña polo feito de que non se nada sobre el. Pero prefiro sentir vergoña que aprendelo", sentenza.

Esta nova colección forma parte da extensa recompilación do Arquivo Albert Einstein que contén máis de 80.000 manuscritos, cartas e fotografías, entre outros, que achegan ao público a figura do físico gañador do premio nobel.

Comentarios