martes. 19.11.2019 |
El tiempo
martes. 19.11.2019
El tiempo

A TVG non retransmitirá este ano a gala dos Premios María Casares

Os premiados nos XXII Premios María Casares. CABALAR (EFE)
Os premiados nos XXII Premios María Casares. CABALAR (EFE)

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia di que a decisión é súa ante a negativa da CRTVG a reunirse para mellorar as condicións das emisións

A gala dos Premios María Casares retransmitirase este ano a través de Youtube e non pola TVG, como viña sendo habitual. A decisión de que a gran gala do teatro galego non se emite pola televisión pública parte da propia Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O motivo, segundo denuncian é a negativa dos responsables de Programas da TVG para reunirse na procura de mellorar as retransmisións do evento.

"É unha decisión meditada en diferentes asembleas internas da Asociación, nas que se manifestou a necesidade de mellorar as condicións da emisión por parte da TVG ou, en caso contrario, de buscar novas alternativas", explica a AAAG nun comunicado. 

"Con ese mandato, a AAAG solicitou ao longo dos últimos meses reunións cos responsables de Programas do ente para propoñerlles cambios e melloras na retransmisión. Non obstante, tal xuntanza nunca tivo lugar. En segundo lugar, envióuselle por escrito a petición de mellorar diferentes aspectos da retransmisión e solicitouse que a emisión fose pola primeira canle da TVG nun horario razoable. As peticións foron ignoradas e ofreceuse dende a TVG as mesmas condicións dos últimos anos nos que a gala dos María Casares ficaba reducida ao streaming na web e á emisión pola segunda canle en horarios poucos favorables para a audiencia", explican. Por todo iso, a AAAG lamenta que a CRTVG "falla na súa obriga de difundir a cultura propia en xeral e a teatral en particular".

A retransmisión da gala, que terá lugar o xoves 21 de marzo, poderase seguir unicamente a través de Youtube a partir das 20.30 horas.

A TVG non retransmitirá este ano a gala dos Premios María Casares
Comentarios