lunes. 21.10.2019 |
El tiempo
lunes. 21.10.2019
El tiempo

Fraguas, un mestre da memoria

Fraguas era máis consciente ca ninguén que o coñecemento podía cambiar a vida, non só a dunha persoa, senón dun país, por eso se esforzou nesa tarefa [Villanueva é autora da biografía 'Antonio
Fraguas. Mestre da memoria']

Antonio FraguasOs nenos de aldea non estaban chamados a estudar, de feito o máis habitual a comezos do século pasado era que emigrasen. Antonio Fraguas non semellaba ser unha excepción, pois xa tiña o camiño preparado por seu pai que estivera no Brasil traballando dende antes de nacer o pequeno ata que este contaba con sete anos. Alí sería maquinista de tren, como soñaba seu pai. O pequeno mentres comezaba a escola en Famelga e alí vai descubrir o moito que lle gustaba aprender, á vez que o seu mestre se decataba de que aquel rapaz espelido servía para estudar. Aquel mestre ía mudar a traxectoria vital de Antonio Fraguas, pois mudou a aventura brasileira pola aventura do coñecemento que o levou a estudar o bacharelato en Pontevedra e a carreira de Filosofía e Letras en Compostela.

Con moito traballo e esforzo conseguiu un expediente brillante e así Antonio o da aldea, como o alcumaron os seus compañeiros de Pontevedra, foi un alumno moi respectado e aquel cualificativo converteuse nun título nobiliario do que sempre estivo orgulloso, pois eran as súas raiceiras.

Non tardou en impartir clases na universidade, para despois aprobar as oposicións de Catedrático de Xeografía e Historia. O seu primeiro destino foi A Estrada e, se en Compostela adquirira un fondo compromiso ideolóxico participando activamente nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, alí vai asumir un papel político relevante como secretario xeral do Partido Galeguista. Así, compaxinaba o compromiso ideolóxico coas aulas no instituto, onde é recordado como un mestre implicado, con grandes coñecementos e que buscaba sempre a observación directa, por iso gustaba das excursións, das saídas ao campo, sabedor que estas experiencias eran enriquecedoras para o alumnado. Fraguas era máis consciente ca ninguén que o coñecemento podía cambiar a vida, non só a dunha persoa, senón a dun país, por iso se esforzou nesta tarefa e axudou a conseguir bolsas de estudos a aqueles que tiñan escasos recursos e que eran socialmente máis vulnerables, como no seu momento o axudaran a el.

Os anos anteriores á sublevación fascista comeza a publicar en revistas e xornais as súas primeiras investigacións que van dende a arqueoloxía, ata a xeografía ou a historia. Antonio Fraguas aprendera de súa nai Teresa e de mamá Antonia, a muller que vivía na casa e axudaba nos traballos diarios, a cultura tradicional que vai poñer en valor a través dos seus estudos. Sen dúbida a pegada de mamá Antonia vai ser imborrable, pois sendo unha muller analfabeta, logrou transmitirlle toda a sabedoría tradicional que atesouraba.

Nese legado tamén estaba a lingua, na que vai escribir eses primeiros traballos e na que vai falar a través das ondas, non en van foi o primeiro locutor de radio en continuidade e facía teatro radiofónico ou comentarios e recitados en galego. Nada facía presaxiar que aqueles tempos de avance, de euforia, se tinguirían de negro ou sería mellor dicir de vermello. Moitos foron os asasinados, os exiliados e tamén moitos os que sufriron humillacións públicas. Velaí estaría Antonio Fraguas que, despois duns días fuxido no monte, volve á Estrada para facer os exames de setembro e alí obrigárono a borrar con sosa cáustica as pintadas a favor do Estatuto, a beber aceite de rícino e a pasear pola vila baixo a bandeira falanxista. A humillación veu acompañada da depuración do seu cargo de profesor. Viñeron anos duros, de silencio, de impartir docencia en academias... Ata que xa na década dos cincuenta volve aprobas as oposicións e no seu novo destino, Lugo, séntese novamente libre, participando da vida pública e facendo o que máis lle prestaba, ensinar.

Aqueles anos devolvéronlle vida, foi o tempo en que entrou na Real Academia Galega. Aínda chegarían novas alegrías, como volver a Compostela, onde se xubila como catedrático. Con todo, un verdadeiro mestre nunca deixa de ensinar e tampouco de aprender, así o demostrou como primeiro director do Museo do Pobo Galego. Naquelas salas repousa a nosa cultura patrimonial, pero tamén o amor de Antonio Fraguas por ela, o amor que aprendera no colo de mamá Teresa e de mamá Antonia. A literatura oral, as crenzas, os xogos, as construcións tradicionais, a toponimia, as festas... nada lle foi alleo a Antonio Fraguas e fíxoo dende Cotobade, dende as súas raíces, pero con vocación universal.

Fraguas, un mestre da memoria
Comentarios