Vigo abre a feira do libro cun programa de dez días cheos de cultura

Román Rodríguez chama a apoiar o sector para fomentar a súa reactivación
El conselleiro, en uno de los puestos de la feria del libro de Vigo. XUNTA
photo_camera O conselleiro, nun dos postos da feira do libro de Vigo. XUNTA

A edición número 46 da feira do libro de Vigo abriu os seus postos este xoves cun programa que se estende ata o sábado 4 de xullo e contempla a visita de 50 autores que asinarán exemplares. Están presentes na rúa do Príncipe media ducia de librerías, ademais do Centro de Documentación Feminista de Vigo e a Biblioteca Neira Vilas.

Nese marco, nun evento que correspondeu inaugurar á escritora María Xosé Queizán, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, animou a apoiar a cultura para fomentar a súa reactivación. Subliñou así que este evento ofrece unha actividade "á altura do sector editorial galego" e incidiu en que se adaptou á situación actual para garantir a seguridade sanitaria.

Así as cousas, á vez que incidiu na necesidade de que os cidadáns actúen con sensatez e "non baixen a garda", Rodríguez chamou a "devolver" aos profesionais e creadores do ámbito literario "o moito que deron durante o confinamento". Recoñeceu nesa liña o "enorme esforzo, rigor e rapidez" da Federación de Librerías de Galicia para poñer en marcha as feiras do libro, suspendidas durante a pandemia. 

O evento, no que 50 autores asinarán libros, prolongarase ata o 4 de xullo

Ademais, o conselleiro de Cultura puxo en valor a relación da cidade olívica coa literatura "desde que en 1863 se imprimiu Cantares gallegos de Rosalía de Castro ata que se impulsou o boom da novela negra". De feito, recordou que esta representa "un subxénero recoñecido" na actualidade que conta con miles de lectores. 

A feira do libro de Vigo, apoiada pola Xunta, contará con espazos das librerías viguesas Librouro, Cortizas, Nobel Gran Vía, Pedreira, Hobbit e A Gata Tola. 

As feiras chegarán despois a Ponteareas (do 9 ao 12 de xullo), Redondela (do 16 ao 19 de xullo) e Rianxo (do 23 ao 26 de xullo), ademais da Coruña (do 1 ao 10 de agosto), Foz (do 20 ao 23 de agosto), Monforte de Lemos e Ourense (entre o 9 e o 12 de outubro).

Comentarios