Xan Carballal, Lucía Freitas e 'Fariña', entre os galardoados nos Premios da Crítica de Galicia

A lista de premiados deuse a coñecer este sábado durante unha gala celebrada no auditorio do centro social Afundación en Vigo
O músico lucense Xan Carballal. AEP
photo_camera O músico lucense Xan Carballal é un dos premiados. AEP

Moncha Fuentes (Marín, 1952), o proxecto Satélite Lume-1, o Festival de Poesía do Condado, Xan Carballal, Soledad Penalta, Rut Balbís, Lucía Freitas e a serie Fariña foron declarados este sábado gañadores nas súas respectivas categorías dos XLII Premios da Crítica de Galicia.

Os gañadores nas modalidades de modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cinema e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica, déronse a coñecer durante unha gala celebrada no auditorio do centro social Afundación en Vigo, informa a organización nun comunicado.

Teñamos o valor de darnos o futuro foi o lema da gala e o presidente da Asociación Premios da Crítica Galicia, Bieito Ledo, defendeu a Galicia "como un lugar de encontro cosmopolita, universal, orixinal e ascendente".

Moncha Fuentes alzouse como gañadora na categoría de Creación Literaria coa obra O mar que nos leva, coa que se impuxo ao outro finalista, Antón Reixa coa súa obra Michigan, acaso Michigan.

O xurado destacou do libro gañador "o seu carácter de obra inaugural coa que irrompe unha voz poderosa" e que se converte "na novela dunha xeración, expresada cun estilo brillante e unha sorprendente madurez narrativa".

O proxecto Satélite LUME-1 alzouse co Premio de Investigación da Universidade de Vigo, liderado por Fernando Aguado "por supoñer unha achega galega de impacto científico internacional no ámbito tecnolóxico, que combina a loita contra unha praga en Galicia como os incendios, un impacto económico coa creación dunha incipiente industria aeroespacial galega e poñer a Galicia, literalmente, no espazo".

O Premio de Iniciativas Culturais e Científicas foi para Festival de Poesía do Condado, "un dos festivais de traxectoria máis longa" no contexto autonómico e que desenvolve un "traballo cultural de base desde o asociacionismo nunha vila e coa acción o contorno".

Xan Carballal levouse o Premio de Música pola súa "longa traxectoria e un traballo de base moi singular na música clásica, que levou a que centos de mozos do rural puidesen acceder a unha educación musical e cultural, moitos dos cales están hoxe en importantes formacións".

Soledad Penalta foi distinguida co Premio de Artes Plásticas e o xurado destacou a súa "coherencia e a súa capacidade de investigación con novos materiais, cos que consegue unha linguaxe propia, introducindo novas caligrafías nunha constante renovación iconográfica e conceptual".

O Premio de Artes Escénicas foi concedido a Rut Balbís, polo seu "impecable e incansable" traballo como bailarina e coreógrafa e tamén polo seu "constante labor para dignificar e visibilizar a danza en Galicia, por crear tecido, redes e espazos para achegar a danza a todos os públicos (...) Destacamos tres palabras de Rut Balbís: talento, resistencia e xenerosidade"

Fariña (serie) alzouse como gañadora do Premio de Cinema e Artes Audiovisuais tanto pola "calidade" nas produción, a realización e o traballo dos seus equipos técnicos e artístico, como polo "considerable esforzo da produtora en apostar por unha historia e uns equipos galegos que lograron situar a Galicia no mapa audiovisual internacional nun momento crucial da produción de ficción para televisión".

E Lucía Freitas foi proclamada vencedora do Premio de Cultura gastronómica polo seu "papel como empresaria da restauración e a súa capacidade para interpretar a cultura gastronómica galega cunha extraordinaria ética e coherencia".

O xurado destaca a súa evolución como cociñeira "nunha aposta pola internacionalización que culmina cunha estrela Michelin" e exemplifica, ademais, "o empoderamento das mulleres na cociña, demostrando que é posible ser muller, empresaria e creadora de excelencia" no sector gastronómico", conclúe o xurado.

Comentarios