A Xunta convoca un proceso de selección de 20 actores

Os seleccionados interpretarán as tres próximas producións propias do Centro Dramático Galego
Salón Teatro, sede del CDG.
photo_camera Salón Teatro, sede del CDG.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este luns o anuncio polo que se fai pública a convocatoria para a selección das 20 prazas de actrices e actores que interpretarán as próximas tres producións propias do Centro Dramático Galego (CDG), correspondentes á tempada escénica 2020-2021. 

Os títulos, aínda provisionais, destes espectáculos son O charco de Ulises, obra de Santiago Cortegoso que el mesmo codirigirá con Marián Bañobre; Terceiro acto, con dramaturgia e dirección de Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, e Serva me, servabo te, con Belén Bouzas, Fran Martínez e Diego M. Buceta. 

En concreto, a través deste proceso elixirase o actor protagonista e os nove principais que levarán ás táboas O charco de Ulises, así como o elenco de cinco intérpretes con categoría de principais para Terceiro acto e Serva me, servabo te, neste último caso conformado especificamente por actores e actrices que combinen esta faceta coa de bailaríns e bailarinas. 

Segundo as bases publicadas na web da Agadic, as persoas interesadas en optar a estas prazas deberán presentar as súas solicitudes, xunto co resto de documentación requirida, desde este martes e ata o luns 27 de xullo, preferiblemente por vía electrónica á dirección [email protected]. Os intérpretes poden formalizar a súa candidatura aos tres proxectos, aínda que só poderán ser seleccionados nun deles debido á coincidencia temporal nas súas diferentes fases de produción e exhibición. 

Para ser admitidos, acódelas aspirantes deben cumprir unha serie de requisitos, entre os que se atopa o do coñecemento e dominio do idioma galego no ámbito cotián e artístico, ben acreditándoo mediante certificación oficial, ou ben solicitando unha avaliación lingüística específica.

ACTIVIDADES FORMATIVAS EN MUSEOS.  Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia publica este luns a listaxe dos beneficiarios das bolsas para actividades formativas nos museos de titularidade ou xestión autonómica. Trátase dunha iniciativa impulsada desde o Goberno galego que conta cunha dotación de máis de 45.000 euros, na que participan oito profesionais que, durante un mínimo de seis meses, realizarán actividades relacionadas cos procesos técnicos que se realizan nestas dotacións culturais de xestión autonómica. 

Concretamente, as prazas adxudicadas están repartidas segundo o campo de actuación: arqueoloxía, historia da arte, restauración arqueolóxica e restauración de pinturas e esculturas. Así, os participantes realizarán, no ámbito dos museos de xestión ou titularidade autonómica, actividades no Museo Etnolóxico de Ribadavia, no Museo do Viño, no Arqueolóxico de Ourense, no Castro de Viladonga, no Museo Massó de Bueu e no Museo das Peregrinacións e de Santiago. 

A convocatoria deste ano complétase con 33 prazas para bolsas formativas en biblioteconomía nas que os participantes poderán profundar nos coñecementos sobre o tratamento técnico dos fondos, así como no resto de actividades que se inclúen nos diversos servizos bibliotecarios dos centros xestionados pola Consellería de Cultura. 

Comentarios