A Xunta ve "argumentos" para estender o Ano Carvalho Calero

O Executivo galego afirma que respectará a decisión da RAG
Carvalho Calero.EFE
photo_camera Carvalho Calero.EFE

A programación organizada pola asociación Agal e a Xunta de Galicia para celebrar a Carvalho Calero mantense viva a través as redes. Precisamente, o alicerce central destas iniciativas sitúase na mostra A Voz Presente, unha exposición na que se aborda á figura do intelectual ferrolán, a súa vida e obra, a través das súas propias palabras.

A mostra, nun principio dispoñible en formato dixital, conta con varias versións pensadas para a súa exhibición pública, posto que o obxectivo de ambas as organizacións é recuperar a presencialidade da iniciativa e levar a figura do polígrafo ferrolán a todos os recunchos de Galicia e a Portugal.

Así o trasladaron o presidente de Agal, Eduardo Maragoto, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo, nunha comparecencia 'telemática' para abordar as diversas accións nas que colaboran para celebrar o 17 de Maio.

Ouvirmos, Carlos Quiroga e Jose Luís Rodríguez, asumiron as tarefas para deseñar e comisariar a exposición, adaptada tanto para unha exhibición en Ferrol e Santiago e noutros espazos mais reducidos. A versión dixital, que xa se atopa dispoñible, inclúe unha reconversión dos 12 paneis iniciais, nos que se profunda na dimensión artística, humana e lingüística do intelectual ferrolán.

A través da súa visita dixital poderase coñecer ao Carvalho divulgador, a súa obra creativa e de investigación, e realizar un percorrido pola súa traxectoria vital con diversas frases e citas do propio autor sobre a súa etapa en Ferrol, Lugo e Santiago.

A exposición dedica tamén un espazo á súa visión reintegracionista e ao seu pensamento sobre a lingua, ademais da a súa honestidade a través da participación na vida social, colectiva e cultural de Galicia.

RECURSOS DIDÁCTICOS 

A iniciativa pódese visitar, xunto a outros recursos didácticos, textuais ou biográficos, na web Carvalho2020.gal, que recolle decenas de contidos de todo tipo para ofrecer unha completa panorámica sobre a vida e obra de Ricardo Carvalho e que ademais esta dispoñible tanto adaptada á norma ILG-RAG como a de AGAL. 

Martinho Montero Santalha asina a biografía do autor, que se completa con fichas de todas as súas obras e traballos, da man de Marcos Saavedra. A web ofrece seis unidades didácticas adaptadas ás diferentes etapas educativas, subscritas por docentes como Laura García Díaz, Marisa Moreda Leirado e Bernardo Penabade.

Tamén inclúe un monográfico dedicado a Scórpio e outro desde unha lectura en clave feminista, realizadas Teresa Crisanta e Susana Sanches Arins, respectivamente. Todo iso completado co documental 'De Carballo a Carvalho', que se emitirá esta semana na TVG e que se inclúe entre os recursos dispoñibles na web, entre outras accións

UNIÓN DE VONTADES

Eduardo Maragoto agradeceu a Valentín García e Anxo Lorenzo o espírito co que se subscribiu este convenio de colaboración, e que representa a vontade de dúas formas de entender o idioma, a oficial e a visión reintegracionista, para tentar "traballar xuntos" e alcanzar un entendemento, algo que fixese "feliz" ao propio Carvalho Calero

"Este convenio é un fito, un marco en relación entre quen desexamos o mellor para a nosa lingua", insistiu, nun marco de normalidade no que existen diferentes visións sobre un mesmo idioma.

Con esta premisa en mente, o obxectivo á hora de deseñar as actividades e abordar a figura do polígrafo é a de tratala "e toda a súa dimensión", sen renunciar ao debate do reintegracionismo, pero de forma que poida "unir e non confrontar".

"En todos estes produtos sae un Carvalho que se explica a si mesmo a través dos seus propios textos", destacou.

A FIGURA "MÁIS DIXITAL" 

Pola súa banda, Anxo Lorenzo destacou que a figura do intelectual será lembrada como "pioneira" e no Ano das Letras Galegas "máis dixital da historia", e felicitou aos implicados en sacar adiante estes traballos e de adaptalos ao contexto que vive o territorio.

Carvalho encarnará, así, esta "necesidade de transformación" e "un dos primeiros exemplos da historia" deste proceso de dixitalización no que está inmerso o territorio.

Finalmente, Valentín García incidiu na "magnífica execución" desta programación, e destacou en que a mostra recuperará o seu carácter presencial e itinerante nun futuro, chegando por primeira vez a Portugal, a Viana do Castelo, unha cuestión "importante" tendo en conta a mensaxe sobre a importancia do contacto coa lusofonía que representa Carvalho Calero.

Comentarios