O brasileiro Mauro Silva xa ten a súa rúa na Coruña

O mítico centrocampista do Deportivo repasou a actualidade do club na súa visita á cidade

Mauro Silva xa ten, desde este xoves, a súa rúa na Coruña. Deste xeito, materializouse o acordo municipal de 2005 polo que se concedeu esta distinción ao campión do mundo brasileiro e tamén a Fran.

O acto estivo presidido polo alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, na rúa do barrio de Labañou perpendicular á Avenida de Gran Canaria que, desde ese momento, loce o nome do histórico '6' branquiazul.

Antes, Mauro Silva atendeu aos medios de comunicación no Reitorado da UDC. O brasileiro lamentou que o club non "acertara" desde "o principio" da tempada na toma de decisións e agora estea nunha situación "moi complicada" para continuar en LaLiga Santander.

"Cando hai tantos cambios é significativo de que, se cadra, desde o principio non se acertou ao elixir. Desgraciadamente, non se acertou desde un principio", asegurou.

Mauro recomendou ao Consello de Administración que preside Tino Fernández, con quen non vai verse nesta visita porque o dirixente non se atopa na cidade, que faga autocrítica. "Por moito agarimo que teña á directiva e os esforzos para reducir a débeda que fixo, hai que ser xustos coa afección. E recoñecer erros demostra grandeza e se cadra recoñecer que desde o principio nos equivocamos", comentou.

De Seedorf dixo que é unha persoa que lle gusta "moito" porque con el comparte "valores do fútbol e a vida" e asegurou que "está a facer un traballo, pero non é fácil cambiar as cousas en tan pouco tempo".

"Vinlle moi ben, ten claras as ideas, o que quere. Atopou un equipo nunha situación difícil e cando estás abaixo necesitas motivación, dar confianza a uns rapaces que non a teñen. Se non tes confianza e no primeiro balón que fallas che pitan é máis difícil, pero mentres haxa posibilidades matemáticas hai que seguir loitando", expuxo.

A RÚA. Este xoves verá un "soño" feito realidade, o de ter unha rúa co seu nome na cidade galega, algo que levaba esperando desde que foi aprobado en pleno en 2005 con Francisco Vázquez como alcalde.

"Honestamente si pensaba que podía quedar no esquecemento, pero o proxecto que presentou Paco Vázquez no seu momento xa me pareceu unha gran homenaxe e estaba encantado con que o levase a pleno e fóra aprobado por unanimidade", dixo.

Comentarios