jueves. 14.11.2019 |
El tiempo
jueves. 14.11.2019
El tiempo

A Benemérita expedienta a un delegado, garda civil de profesión, por discutir cun árbitro

El Spórting Coruñés. EP
El Spórting Coruñés. EP
A AUGC presentou un recurso ao entender que a disputa entre axente e colexiado, ocorrida nun partido na Coruña, enmarcábase no "simple ámbito deportivo"

Un partido de fútbol modesto na Coruña, un delegado que é garda civil de profesión e un árbitro. Estes son os ingredientes da rocambolesca historia que denuncia a Asociación Unificada de Gardas Civís (AUGC). Os feitos ocorreron en novembro de 2018. Unha vez acabado o encontro, o delegado do Spórting Coruñés, que actuaba como local, e o árbitro encerelláronse nunha "disputa dialéctica" que a asociación de gardas civís enmarca "no simple ámbito deportivo".

Pero o caso foi máis aló. O Comité Técnico de Árbitros da Coruña presentou unha denuncia ante a Garda Civil pola actitude do delegado do Spórting Coruñés. E por iso a Benemérita incoou un expediente por falta grave, ao entender que tivo "condutas gravemente contrarias á dignidade da Garda Civil".

Os servizos xurídicos de AUGC presentaron un recurso, que finalmente foi estimado ao considerar a Asesoría da Agrupación de Tráfico da Garda Civil, á que pertence o axente, que "os acontecementos non se consideran constitutivos de infracción disciplinaria algunha".

A única testemuña da discusión, o conserxe das instalacións deportivas do club, declarou o seguinte, segundo informa a AUGC nun comunicado: "Eran dúas persoas discutindo por un partido de fútbol na entrada do vestiario dos árbitros porque a porta estaba aberta. O ton da discusión tampouco era alto (…) Máis que discusión era diferenza de pareceres sobre o que aconteceu no partido".

Para a AUGC, este caso demostra que as altas instancias do corpo teñen "militarizada a vida dos gardas civís durante as vinte e catro horas, privándolles da súa condición de cidadáns de pleno dereito durante o seu tempo libre". 

A Benemérita expedienta a un delegado, garda civil de profesión,...
Comentarios