Pechan sen culpables a instrución do caso Jimmy

O Deportivo mostra a súa "decepción": "Non haberá xustiza"

Un aficionado recuerda a Jimmy en A Coruña. AEP
photo_camera Un aficionado recuerda a Jimmy en A Coruña. AEP

O titular do xulgado de instrución número 20 de Madrid pechou sen culpables a instrución do sumario que investiga a morte do seareiro do Deportivo da Coruña Francisco Javier Romero, Jimmy, "ao non existir indicios de criminalidade contra ningunha persoa".

No auto, ao que tivo acceso Efe, o xuíz Jesús de Jesús Sánchez acorda "declarar concluído este sumario sen procesamento", que remitirá á Audiencia de Madrid para que se pronuncie sobre se arquiva este procedemento, como previsiblemente sucederá.

Refírese á peza separada denominada "homicidio e lesións" para a investigación da morte do seguidor dos Riazor Blues e das lesións sufridas polo outro afeccionado do Deportivo que foi lanzado ao río Manzanares, Santiago A., e non á peza principal da rifa tumultaria onde hai máis de 100 procesados.

O xuíz explica que "os únicos elementos incriminatorios obtidos tras case catro anos de investigación son dúas".

Trátase do testemuño do que fora testemuña protexida no procedemento de menores e imputado nesta causa e os atestados baseados nun vídeo de baixa calidade, que recolle a multitudinaria pelexa do 30 de novembro de 2014 nas inmediacións do estadio Vicente Calderón, mediante o cal a Policía se serviu para identificar a uns ultras como os autores materiais, que logo se demostrou que non o eran.

O maxistrado explica que o testemuño do coimputado non pode ser tido como proba de cargo xa que non presta as súas declaracións baixo xuramento e pode coa súa declaración buscar unha exculpación.

"Considero que non é fiable, nin crible, nin digna da precisa credibilidade a versión dos feitos do citado coinvestigado", que identificou a cinco ultras do Fronte Atlético como autores materiais da morte, polo que "non serve de xeito evidente aos efectos de sustentar o procesamiento de persoa algunha".

Respecto diso, cualifica de "incontestable" a sentenza da Audiencia de Madrid que refugou o seu testemuño cando declarou no xuízo que se seguiu en Menores e recorda que esta persoa se acolleu ao seu dereito a non declarar cando paso a disposición xudicial tras ser detido na liorta do Vicente Calderón.

"Chama poderosamente a atención que entón non manifestase absolutamente nada sobre quen participaran" na morte de Jimmy, sinala o xuíz.

Pero "chama aínda máis a atención" que exprese que se puxo en contacto coa Policía, oito meses logo da liorta, tras a excarceración dos catro ultras acusados da morte pois "ao decatarse sentiu que se cometeu unha inxustiza" cando dous deles eran, segundo manifestou, autores materiais da morte.

Iso, agrega o maxistrado, é "cuestionable" pois non se compadece co feito de que non lle producise rexeitamento "nin repulsión algunha" que os outros dous encarcerados pasasen meses en prisión sabendo que non eran culpables.

Ademais, destaca que non pode descartase que a súa confesión non teña relación con outra pelexa en maio de 2015 en Alcobendas -na que tamén estaba involucrado o seu irmán- nos días previos "á súa estraña" entrada na causa, e cuestiona o papel da Brigada de Información que lle tomou dúas entrevistas non oficiais nunha cafetería antes da súa declaración oficial.

Respecto do vídeo, afirma que se atopou "un punto débil moi relevante" e é que "non é posible efectuar un estudo fisonómico das persoas que aparecen dada a súa baixa resolución", para o que se esixe que teña un mínimo de trinta píxeles, cando as imaxes da gravación teñen catro.

E carga contra a Brigada de Información por chegar a sinalar aos autores sen ningún xénero de dúbidas cando "é unha unidade que non está en absoluto especializada na identidade fisonómica das persoas".

O Deportivo, "decepcionado"
A dirección do RC Deportivo mostrou este mércores a súa "decepción" por que a morte do incha Francisco Javier Romero, Jimmy, quede "impune" nos tribunais.

O club pronunciouse así en mensaxes divulgadas en redes sociais tras a decisión do Xulgado de Instrución número 20 de Madrid.

"Non haberá Xustiza para Jimmy. Os coruñeses e deportivistas quedaremos eternamente decepcionados por que este asasinato quede impune", escribiu o Deportivo.

Comentarios