Rubiales anuncia que "non haberá máis fútbol os luns"

O presidente da Real Federación Española de Fútbol deixou no aire o partido que se disputa os venres

Luis Rubiales, durante la rueda de prensa. JAVIER ETXEZARRETA (EFE)
photo_camera Luis Rubiales. JAVIER ETXEZARRETA (EFE)

O presidente da Federación Española de Fútbol (RFEF), Luis Rubiales, anunciou que "non haberá máis fútbol os luns" a partir da próxima tempada e deixou en dúbida a continuidade dos partidos en venres. "Non haberá máis fútbol os luns. A partir da próxima tempada en LaLiga haberá fútbol sábados e domingos. Veremos que ocorre cos venres, se chegamos a un acordo bo para todos", escribiu Rubilaes na súa conta persoal de Twitter.

O presidente engadiu na mesma que "o negocio é importante, pero máis os afeccionados". "Somos a RFEF", agregou antes de rubricar coa etiqueta #SomosFútbol a súa mensaxe, que acompaña con dúas fotografías, unha de asentos baleiros nun estadio e outra dunha escena da película Os luns ao sol, protagonizada por Luis Tosar e Javier Bardem e dirixida por Fernando León de Aranoa.

A afirmación de Rubiales prodúcese 24 horas despois de que o seu homólogo en LaLiga, Javier Tebas, admitise que este organismo baralla a posibilidade de que o partido que se transmite nas televisións en aberto deixe de ser o dos luns para pasar a ser o domingo ás 14.00 horas. "A min preocúpame que a xente proteste, sexa contra min ou contra un terceiro, e este tema é bastante recorrente. Xa anunciei hai tempo que no concurso (de poxa de dereitos televisivos) novo que adxudicamos en xuño o partido aberto pode ter outra fiestra, o domingo ás dúas da tarde", asegurou Tebas tras a presentación do informe de impacto económico de LaLiga.

Segundo o presidente de LaLiga, que o partido en aberto sexa o dos luns xera "problemas" xa que, segundo as bases do concurso de retransmisión televisiva da competición, o partido en aberto non pode incluír a Real Madrid, Barcelona, Atlético de Madrid e Valencia, nin a equipos en competición europea. "Pode caber que non haxa ese partido en aberto nos luns, que xera problemas, porque non poden ir os de competicións europas e iso xera que haxa unha serie de equipos que vaian máis xogar os luns", engadiu.

LaLiga e a RFEF deben acordar un novo Convenio de Coordinación xa que o actual termina o próximo xullo e a segunda adiantou a súa intención de que inclúa un renovado pacto na cesión de dereitos de explotación, entre eles o nome da competición e do balón, ou a aplicación dos horarios do torneo ligueiro.

Comentarios