Abanca pon en marcha un ciclo de charlas con deportistas galegos de elite

Iván Raña, Sofía Toro e Martín de la Puente estrearán a iniciativa

Iván Raña y Sofía Toro, en la presentación de 'Aventúrate'. EP.
photo_camera Iván Raña y Sofía Toro, en la presentación de 'Aventúrate'. EP.

O atleta Iván Raña, campión do mundo no ano 2002 na especialidade de tríatlon, será o primeiro dunha longa lista de deportistas de elite galegos que tomarán parte na iniciativa Aventúrate, posta en marcha por Abanca entre as súas propostas enfocadas ao deporte basee.

O obxectivo de Aventúrate é que deportistas galegos que compiten ao máis alto nivel poidan transmitir á sociedade, pero fundamentalmente aos mozos, a experiencia e os valores que adquiriron ao longo da súa vida de esforzos e dedicación ao deporte.

Xunto ao atleta de Ordes (A Coruña), participarán nunha primeira rolda desta iniciativa a regatista coruñesa Sofía Toro e o tenista paralímpico vigués Martín de la Puente, que compite en cadeira de rodas.

"Poder transmitir aos máis novos os valores que aprendín é unha das cousas máis bonitas"

Aventúrate presentouse este martes en Santiago de Compostela e contou coa presenza de Iván Raña e Sofía Toro, ademais de Jorge Mahía, director de Mercadotecnia, Intelixencia e Dixital de Abanca, e de Fernando Filgueiras, coordinador de RSC da Obra Social da entidade.

"Poder transmitir aos máis novos os valores que aprendín é unha das cousas máis bonitas que me ensinou o deporte", recoñeceu a regatista coruñesa, e dixo que tamén en Galicia os mozos "teñen referencias ás que mirar".

Iván Raña congratulouse de poder participar na iniciativa Aventúrate, e desta forma ter a oportunidade de poder transmitir aos novos "todo o proceso de traballo, ilusión e dedicación" que leva a preparación física e "enfocar o obxectivo sempre de xeito positivo". "Poder transmitir estas experiencias aos rapaces é o máis importante para min", admitiu.

A iniciativa é un novo impulso de Abanca ao seu programa de apoio ao deporte galego e de promoción da práctica do exercicio físico, e o seu obxectivo é promover encontros entre os atletas, o público xeral e deportistas novos.

Segundo Iván Raña e Sofía Toro, trátase de que os deportistas narren a súa experiencia e coñecementos adquiridos ao longo da súa carreira, de maneira que poidan ensinar e formar a xente de todas as idades a través dos valores propios da práctica deportiva e mostrar aos máis novos que é posible desenvolver desde Galicia unha carreira deportiva de éxito.

Os responsables de Abanca explicaron que o programa inclúe tres tipos de actividades en función do público ao que se dirixen: conferencias abertas a calquera persoa interesada, encontros con nenos que forman parte da canteira dos clubs galegos, e unha viaxe a unha competición internacional na que participe algún dos atletas colaboradores para que as novas xeracións de deportistas poidan coñecer de primeira man como se prepara e como se vive unha proba destas características.

Charlas en xaneiro e en febreiro
Tres dos deportistas galegos que maiores éxitos alcanzaron nos últimos anos, Iván Raña, Sofía Toro e Martín de la Puente, serán os protagonistas das actividades previstas para o primeiro trimestre de 2019, que comezan este mércores, 23 de xaneiro, cunha charla do triatleta de Ordes, pioneiro desta disciplina en España e campión do mundo en 2002.

O encontro celebrarase no Auditorio Abanca de Santiago de Compostela ás 19.30 horas, con entrada libre e gratuíta ata completar o aforamento previa reserva a través do servizo de entradas de Afundación, Ataquilla.

No mes de febreiro, será a quenda do vigués Martín de la Puente, tres veces campión do mundo júnior de tenis paralímpico, mentres que a regatista coruñesa Sofía Toro, campioa olímpica na categoría Match Race, compartirá a súa experiencia co público no mes de marzo.

Comentarios