Búscase probador de almofadas cun soldo de 1.200 euros

Unha empresa lusa lanzou unha oferta de emprego en España para probar os seus produtos tres meses desde casa

Búscase probador de almofadas profesional. EP
photo_camera Búscase probador de almofadas profesional. EP

"Búscase probador de almofadas. Soldo: 1.200 euros ao mes". É a curiosa oferta laboral lanzada en España por unha empresa portuguesa, Koala Rest, especializada na venda online de colchóns e artigos para o descanso. Trátase dun emprego de ensoño, e nunca mellor dito, pois cóbrase por durmir. E é que o que busca esta startup é alguén que probe durante tres meses os distintos prototipos de almofada nos que traballa para perfeccionar o deseño e lanzala ao mercado.

E sen moverse de casa. O elixido poderá realizar o 'traballo' desde calquera parte de España e a tarefa é sinxela: durmir cada noite cun modelo diferente e encher despois un cuestionario para avaliar a súa experiencia de descanso. "Esta información permitiranos mellorar o produto xa que teremos en conta esa valoración para adaptar a almofada ao seu uso", conta un dos fundadores de Koala Rest, Bruno Madeira.

Aínda que hai quen ve detrás desta peculiar iniciativa unha vía para publicitar a empresa e atraer clientes, a oferta laboral é real. Os interesados en embolsarse 3.600 euros en tres meses desde a cama e cos ollos pechados teñen uns 20 días por diante para anotarse na oferta de emprego, pois a empresa pechará o prazo o día 28. Quen queiran soñar traballando poden inscribirse a través a páxina web www.tukoala.es enviando a solicitude no apartado de recrutamento.

A empresa analizará o previsible aluvión de candidaturas recibidas e elixirá ao afortunado que se converterá no seu primeiro probador de almofadas en España. 

Comentarios