O comité de expertos aconsella á Xunta ampliar a liña de financiamento do Igape

Pide aprobar liñas específicas adaptadas ás particularidades dalgúns sectores. Feijóo reclama que se debata a repartición do fondo de 16.000 millóns a comunidades no Consello de Política Fiscal
Reunión do Goberno galego co comité de expertos económicos ante a crise do coronavirus. XUNTA
photo_camera Reunión do Goberno galego co comité de expertos económicos ante a crise do coronavirus. XUNTA

O comité de expertos económicos que asesora á Xunta ante a crise do coronavirus recomenda que "debería contemplarse a posibilidade de ampliación", "se resultase necesario", da liña posta en marcha polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para inxectar liquidez a pemes e autónomos, que actualmente conta cunha achega da Administración autonómica de 30 millóns para a mobilización de 250 millóns de euros.

Así figura no documento de 14 páxinas elaborado por este comité para o apoio á liquidez de axentes económicos -hai outro texto de 15 páxinas en materia de emprego-, no que tamén se aconsella que "sería convinte aprobar unha nova liña con garantía do Igape" para cubrir as necesidades financeiras superiores aos 200.000 euros, tope marcado no apoio vixente.

A este respecto, os expertos explican que "as operacións serían sen subvención ao tipo de interese, aínda que limitado tendo en conta a elevada garantía pública e sempre por baixo dun TAE do 2%, unha vida media de tres anos en préstamos amortizables e un ano de carencia". O importe global desta liña iríase modulando en función das necesidades identificadas.

Ademais, este comité considera que "sería convinte aprobar tamén liñas específicas adaptadas ás particularidades dalgúns sectores". Así, empraza ás diferentes consellerías a actuar ante: a paralización do sector turístico, "con peores expectativas de continuación da súa actividade"; anticipos da PAC; liñas asimilables a parada biolóxica a marisqueo ou mexilloeiro; e proxectos de emprendemento a través das sociedades de capital risco para que "non se paren estas actividades". Outro dos puntos que botan en falta é un sistema de portelo único para os asesoramentos.

DEBERES AO ESTADO E MÁS PROPOSTAS. Respecto ao Goberno central, tamén se propoñen "cambios e melloras na liña dos avais do Estado canalizados polo ICO". Xunto a isto recoñécese que "resulta evidente que o Igape non ten a capacidade do ICO, o que fai que o primeiro deba ser particularmente sagaz nas súas actuacións para optimizar os recursos dispoñibles".

Este comité recomenda ao Goberno central a eliminación do imposto de sociedades a afectados, así como rescatar plans de pensións sen penalización. Tamén se avoga por que o pago de impostos municipais desprácense ao último trimestre.

No tocante á liquidez apostan por unha vintena de medidas, tanto a nivel estatal como autonómico. Pasan por cuestións como axilizar e simplificar trámites e con algunhas propostas que se implementaron nas últimas semanas como adiantar liquidez a traballadores acollidos a Erte.

RECOMENDACIÓNS PARA O EMPREGO. Por outra banda, os expertos elaboraron outro documento en relación a materia de emprego no que recollen iniciativas como a desvinculación dos Erte por forza maior do mantemento do actual estado de alarma.

O comité aposta pola flexibilidade na xornada laboral. Aquí chámase a que as empresas afectadas pola crise poidan subscribir acordos para que haxa cambios nos períodos de vacacións en 2020 e 2021, de forma que estas coincidan cos "períodos de menor actividade".

Apelan a fomentar o teletraballo, con incentivos aos investimentos necesarios e formación. Cren necesaria a activación de medidas organizativas específicas neste sentido para a protección das empresas fronte ao "risco de rebrote" da Covid-19.

Bonificacións nas cotas á Seguridade Social e deducións fiscais son outras das propostas para "incentivar o mantemento e a recuperación do emprego".

FEIJÓO URXE A CONVOCATORIA DO CPFF. Na súa comparecencia na Deputación Permanente do Parlamento deste xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu o labor do comité de expertos -repasou algunha das súas propostas xa implantadas- e que notifica as súas propostas ao Goberno central. Ao tempo, insistiu en que "desde o principio" a Xunta quere que se convoque o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

A xuízo de Feijóo, é neste órgano no que habería que debater os criterios para a repartición dos 16.000 millóns anunciados polo Goberno central. Non en balde, recalcou que a Xunta "discrepa profundamente" da distribución exposta, por entender que se afasta totalmente do sistema de financiamento vixente".

"E non é momento para ensaiar un novo modelo de financiamento", remarcou, para engadir que é nese foro no que habería que "confirmar que as comunidades non terán que asumir en 2022 a liquidación negativa a causa do descenso de recadación en 2020".

"Nese foro é onde se deberían modificar as regras de estabilidade orzamentaria e aclarar que o Goberno non nos confiscará o diñeiro do orzamento como fixo cos fondos de formación de emprego e de aluguer de vivenda: máis de 120 millóns de euros confiscados", apostilou.

Finalmente, en clave económica, recoñeceu o labor das empresas privadas e as súas doazóns no marco da crise sanitaria -con mención expresa a firmas como Inditex, Estrella Galicia ou Abanca, entre outras-. "Ninguén sobra", sentenciou, antes de concluír cunha apelación a traballar "unidos".