"Drástica" caída dos voos en Semana Santa: un 95% menos que en 2019

Proc/JFIF/EFE-Calidad:Excelente
photo_camera Terminal 4 do aeroporto madrileño, practicamente baleira. EFE

O número de voos programados para a Semana Santa, entre este venres e o 13 de abril, caeu "drasticamente" en comparación co mesmo período vacacional de 2019 e só haberá 3.550, un 95% menos que os 71.000 de hai un ano, atendendo aos datos da Asociación de Liñas Aéreas (Ala).

As restricións á aviación establecidas polos distintos países pola crise do Covid-19 provocaron unha caída da demanda "sen precedentes", o que levou ao peche de terminais de moitos aeroportos españois e reduciu a actividade aérea practicamente aos voos de repatriación e carga, segundo explica o colectivo nun comunicado.

Esta semana Santa, unha das épocas que historicamente rexistra un maior tráfico de turistas de todo o ano, prevese, xa que logo, "moi diferente" pola pandemia, cuxas consecuencias económicas están a sufrir "con máis intensidade" a industria turística e o sector aéreo, a vía de entrada de máis do 80% dos turistas que visitan España.

A patronal Ala reclama axudas para un sector "estratéxico"

Para a patronal Ala, estes datos pon de relevo que o sector "afronta unha Semana Santa de perdas con gran parte da flota en terra". A partir de aí, o presidente da asociación, Javier Gándara, avisa de que as repercusións desta crise "van moito máis alá da Semana Santa, que tan só é preludio dunha tempada de verán incerta e dun ano crítico para o sector".

A incerteza da evolución do Covid-19 non só en España, senón en todo o mundo, e as dúbidas sobre o comportamento da demanda fan imposible albiscar cando chegará a recuperación. Así as cousas, Ala pide ao Goberno que "non deixe caer un sector estratéxico e fundamental para o desenvolvemento do turismo", que representa cerca do 12,5% do PIB e emprega centos de miles de persoas.

A asociación incide na necesidade de axudas que contribúan "a mitigar a situación de asfixia na que se atopa o sector aéreo", como aumentar os prazos de adiamento de cotas da Seguridade Social, ampliar as liñas de crédito do Ico ou suspender temporalmente as tarifas de estacionamento de longa estancia para os avións parados, entre outras. 

Comentarios