jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

A estratexia galega do sector lácteo a 2025 contará con 125 medidas

José González y Núñez Feijóo, na presentación da estratexia do sector lácteo. AGN
José González y Núñez Feijóo, na presentación da estratexia do sector lácteo. AGN
Potenciará o leite de pastoreo como elemento diferencial e habilitarase unha ferramenta informática para o cálculo de custos de produción

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Medio Rural, José González, presentaron este mércores a estratexia do sector lácteo até 2025, que contará con 125 medidas en cinco eixos. Así, márcase o obxectivo principal de aumentar a transformación até acadar o 75% do leite producido na comunidade, de forma que sirva para unha subida de prezos. 

Nun acto en Santiago de Compostela, deuse a coñecer esta estratexia que buscará potenciar a calidade e o valor engadido, co leite de pastoreo como elemento diferencial, á vez que se traballará na modernización do sector con iniciativas como unha ferramenta informática coa que poder calcular custos de produción. Esta folla de ruta para o próximo lustro nace após diferentes mesas de traballo coordinadas pola Fundación Juana de Vega. O presidente da Xunta deixou claro que "o desafío era e segue sendo transformar", por iso fíxase o fin "ambicioso" de que supoña o 75% do producido. 

Así mesmo, cre que hai que "renfocar" ao sector cara á calidade baixo o paraugas da marca Galega 100%; á vez que se fomente o recambio xeracional, a innovación e a internacionalización. 

Nesta liña, o conselleiro de Medio Rural subliña que é "un plan integral a medida", que trata de dar un impulso a un sector gandeiro "máis profesionalizado" e "con moito futuro" para conseguir unha "mellora de prezos".

EIXOS. O conselleiro de Medio Rural debullou os cinco eixos da estratexia para o próximo lustro: produción, industria, mercados, cadea de valor, así como formación e innovación. No tocante á produción, apóstase pola creación dun banco de explotacións que garanta que se poida continuar coa produción naquelas granxas nas que non existan substitución. Ademais, haberá incentivos fiscais e xogará un papel importante a futura lei de recuperación de terras, así como a normativa galega que regulará as dexeccións gandeiras. 

Respecto da industria, a principal aposta pasa por incrementar a transformación e a diversificación do produto. Buscarase que se asenten en Galicia novos operadores, á vez que se aumentará o peso das denominacións de orixe de queixos

Respecto dos mercados, avógase por fomentar a internacionalización e por relanzar a marca Galega 100%. Aquí, xogará papel fundamental o leite de pastoreo e a apertura de novos nichos de mercado.  Na cadea de valor, impulsarase a profesionalización da asociación de produtores, co fomento de entrada de cooperativas no capital de novos investimentos industriais en Galicia. Así mesmo, promoverase que estas cooperativas se constitúan como organizacións de produtores. 

Para a mellora da transparencia tamén se reactivará o acordo lácteo estatal e o Observatorio do Sector Lácteo autonómico. Finalmente, no campo da formación, facilitarase que os gandeiros acudan a escolas de negocio e se implementará a investigación.

"OPTIMISMO MODERADO". Neste sentido, Feijóo valora a "resiliencia" do sector lácteo galego para "superar obstáculos" nos últimos anos, o que converte a Galicia nunha das "rexións con máis futuro". Aquí, valorou que os gandeiros estivesen "ao pé do canón" como esenciais na pandemia. 

Expón que a rendibilidade se incrementou no nove primeiros meses de 2020 un 7%, até 680 millóns, o que supón 40 millóns máis que no mesmo período de 2019. Con todo, opina que aínda "non tocou teito". O prezo que se paga por litro sitúase en 32 céntimos, un 1,6% máis que en setembro de 2019. "Non creo que estas cifras conviden o pesimismo", asegura. 

Así, considera que hai un "optimismo moderado" no lácteo galego, pois o sector "está no seu mellor momento", con prezos "sostidos" e coa mirada posta facer derivados lácteos e incrementar a calidade". "Sabemos o que queremos facer no próximos cinco anos. Non imos improvisar", sentenciou Núñez Feijóo.

SECTOR.  O sector lácteo galego conta cuns 7.000 gandeiros —o 20% das explotacións produce o 60% do leite—. É a primeira comunidade española —o 40% do total— e está entre as 10 rexións de máis peso en Europa. A Xunta destaca que desde o final das cotas lácteas, o prezo que se paga a gandeiros galegos aumentou unha 10% fronte ao 5% en España, o que serviu para reducir diferenzas. Con todo, segue á cola entre comunidades. 

En 2019, o sector facturou en Galicia máis de 880 millóns de euros coa produción de 2,8 millóns de toneladas. 

A estratexia galega do sector lácteo a 2025 contará con 125 medidas
Comentarios