jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Feijóo, sobre o auxe exportador da industria do mar: "Hoxe vendemos máis e mellor"

Feijóo visita as instalacións de Cefrico en Vilagarcía. JAVIER CERVERA.
Feijóo visita as instalacións de Cefrico en Vilagarcía. JAVIER CERVERA.
Visitou as instalacións da empresa Cefrico en Vilagarcía

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou este luns unha visita ás instalacións da empresa Cefrico en Vilagarcía para salientar a puxanza da industria do mar de Galicia, un sector que exporta máis de 600.000 toneladas de produtos de pesca, cun valor de 2.200 millóns de euros. Unhas cifras que implican, segundo recordou o titular da Xunta, un 27% máis de mercancía vendida ao exterior que hai dez anos e un aumento económico do 70% nese período.

Así, Galicia é a décima exportadora mundial deste tipo de produtos, por diante de países coma Xapón ou Islandia, chegando a 121 países de todos os continentes.  "Hoxe vendemos máis e vendemos mellor", abundou Feijóo, quen incidiu na necesidade de seguir apostando pola viabilidade e competitividade das industrias conxeladoras e conserveiras galegas. Ao respecto, precisou que ambas xeran sobre o total de España: o 61% do valor económico global, máis de 6.100 millóns de euros; e o 57% do emprego, máis de 13.200 postos de traballo a tempo completo. 

Tras destacar o apoio orzamentario e administrativo ao sector transformador e a posta en marcha do Plan estratéxico da conserva, o presidente referiuse ao compromiso da Xunta coa ampliación do Ifevi, cuxo proxecto construtivo para a segunda ampliación xa se está a licitar. De feito, confía en adxudicar as obras en novembro.

Por último, subliñou a importancia de seguir traballando a nivel estatal e dentro da Unión Europea en acordos internacionais con países como Mauritania e para "dotar ás empresas de maior seguridade xurídica", en referencia ao regulamento de Costas. 

Sobre Cefrico, do grupo Profand, Feijóo indicou que é un exemplo da puxanza do sector transformador de produtos da pesca en Galicia. E é que este grupo, con sede social en Vigo, factura máis de 325 millóns, suma máis de 2.100 empregos e ten actividade produtiva en sete países: España, Marrocos, Senegal, Perú, India, EE UU e Arxentina.

Feijóo, sobre o auxe exportador da industria do mar: "Hoxe vendemos...
Comentarios