O gas natural baixará un 4,6% a partir do 1 de xaneiro 

O abaratamento débese, principalmente, a unha caída do 10,8% no custo da materia prima nos mercados internacionais

O gas natural abaratarase a partir do 1 de xaneiro. EP
photo_camera O gas natural abaratarase a partir do 1 de xaneiro. EP

A Tarifa de Último Recurso (TUR) de gas natural baixará a partir do próximo 1 de xaneiro un 4,6% de media respecto ao último trimestre do ano, segundo a resolución publicada este venres no Boletín Oficial do Estado (BOE). 

Este descenso na tarifa viuse acrecentado pola modificación da fórmula de cálculo da TUR aprobada o pasado 20 de decembro, e publicada no BOE o 22 de decembro, e pola conxelación das peaxes do sistema gasista para o ano 2019. 

A TUR 1, á que están acollidos fundamentalmente os clientes que utilizan o gas para a subministración de auga quente e cociña e cuxo consumo non excede os 5.000 quilowatts hora (KWh) anuais, baixará un 3,8%, mentres que a TUR 2, que empregan consumidores que tamén teñen calefacción de gas (entre 5.000 e 50.000 KWh ao ano) farao un 4,8%. 

O descenso no recibo do gas para o primeiro trimestre de 2019 débese, principalmente, a unha caída do 10,8% no custo da materia prima nos mercados internacionais, que depende de tres compoñentes: o gas de base (42,1% do custo), o gas estacional (57,9% do custo) e a prima de risco por cantidade (factor que afecta a gas de base e gas estacional). 

Así, o novo custo do gas de base é de 21,8 euros por megawatt hora (MWh), o que supón un descenso do 9% respecto da tarifa vixente, mentres que o novo custo do gas estacional -que só entra no cálculo nas actualizacións de outubro e xaneiro- é de 25 euros por MWh. 

No caso da prima de risco por cantidade -que tamén só se aplica nas revisións de outubro e xaneiro- toma un valor do 3,3%, o que incrementa o custo da materia prima (gas basee e gas estacional) nese mesma porcentaxe. 

Así, o prezo do gas natural rompe coa serie de subidas que rexistrara na segunda metade do ano, cun incremento do 3,4% na revisión de xullo e dun 8,4% na de outubro. 

No primeiro trimestre de 2018 a tarifa de gas natural xa rexistrou unha importante subida do 6,2%, aínda que no período de abril a xuño abaratouse un 3,4%.

PARTE REGULADA CONXELADA.  Para o cálculo da TUR téñense en conta as peaxes de acceso e o prezo do gas. A parte regulada da factura (peaxes de acceso), que fixa o Goberno, manterase en 2019. 

A Tarifa de Último Recurso de gas natural actualízase polo Goberno de forma trimestral. Dos 7,7 millóns de consumidores de gas natural, máis de seis millóns son fornecidos a través dunha comercializadora de mercado a prezo libre e 1,6 millóns atópanse acollidos ao prezo da TUR. 

Comentarios