Inditex reabre este xoves as súas tendas de menos de 400 metros con cita previa

Só poderá haber un cliente por traballador e darase preferencia aos maiores de 65 anos

Tienda de Zara. EP
photo_camera Tenda de Zara. EP

O grupo Inditex, propietario de marcas como Zara ou Uterqüe, comezará a reapertura este xoves das súas tendas en España de menos de 400 metros cadrados e con cita previa. Segundo informaron os sindicatos, as primeiras tendas pequenas da multinacional galega comezarán a abrir este xoves, mentres que outras o farán o venres ou o sábado.

A compañía ten 1.600 tendas repartidas por toda España, pero a maioría contan con máis de 400 metros cadrados.
A medida afectará a establecementos de todas as súas marcas, como Zara, Zara Home, Massimo Dutti, Pull&Bear, Kiddy's Class ou Uterqüe..

Inditex pechou as súas tendas o pasado 14 de marzo cando se decretou o estado de alarma pola pandemia do coronavirus. Segundo indicaron os sindicatos, entre as tendas que se abren este xoves atópase a situada na rúa Juan Flórez da Coruña, a primeira tenda que Amancio Ortega abriu coa marca Zara en 1975.

O grupo informou aos sindicatos que se suma á "previsión de medidas preventivas" ditadas polo Goberno para a reapertura de comercios cunha superficie menor de 400 metros cadrados e con cita previa. Segundo sinalou o grupo téxtil, nas tendas que abra porase un cartel co teléfono no escaparate para que os clientes poidan pedir cita previa.

Así mesmo, "só poderá haber un cliente por traballador e media hora por cliente" e ademais haberá trato preferente para os maiores de 65 anos". Hai que recordar que Inditex desde que pechou as súas tendas non aplicou ningún Expediente de Regulación Temporal de Emprego (Erte) aos seus traballadores, xa que o presidente da compañía, Pablo Isla, dixo que sufragaría con recursos "propios o pago da retribución de todo o seu persoal en España" polo menos ata que acabase o mes de abril.

Comentarios