jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

Malestar en Meirama e As Pontes polas "inoportunas e perigosas" palabras do Goberno

Traballadores e alcalde de Cerceda confían en que chegue o investimento de Naturgy e o comité da central de Endesa esixe "sentido común" 

Os traballadores das centrais térmicas de Meirama, en Cerceda, e As Pontes recibiron con malestar as palabras do secretario de Estado de Enerxía sobre o futuro destas instalacións, que ven "inoportunas e perigosas". 

De acordo coas previsións do Goberno central, a primeira terá que pór fin á súa actividade en 2020 e a segunda seguirá pero non máis aló de 2030. Ningunha das dúas firmas quixeron facer unha valoración respecto diso. 

E é que, mentres Endesa está a executar nas Pontes un investimento duns 220 millóns de euros para adaptarse aos novos requirimentos en materia de contaminación, Naturgy comprometeu case "100 millóns pero aínda se segue esperando". 

Así o constata o presidente do comité de empresa en Meirama, Bautista Veiga (CIG), quen, neste contexto, en declaracións a Europa Press, reclama mediación á Xunta. "Algo tería que dicir a Administración", subliña, en alusión ao compromiso que fixo a empresa en 2015 en compañía do presidente galego. 

Neste escenario, Veiga sinala que a central "segue producindo" e que "valería a pena investir", para que Galicia non pase de ser "excedentaria a deficitaria" en produción enerxética e polo efecto que tería o peche para os 180 postos de traballo (70 de persoal e os 110 restantes de auxiliares). Os empregados, pola súa banda, non se van "a quedar quedos", e ademais de reunións coa empresa prevén a organización de mobilizacións. 

Pola súa banda, o alcalde de Cerceda, José García Liñares (PSdeG), advirte de que a compañía "está en prazo" e que a decisión sobre se inviste ou non "aínda non está tomada". Ademais, engade, "podería haber unha moratoria ou unha prórroga". 

Por iso, censura declaracións que "xeran unha incerteza" e que non lle parecen "a forma" de comunicar unha decisión de tal magnitude. "Se se confirma, sería unha mala noticia, para o emprego, pola economía que move e tamén para o Concello, que perdería recursos, posto que un 10-12% do orzamento municipal vén dos impostos que se cobran á central", explica. "O impacto sería grande", apostila.

"MERECEN UN DESMENTIDO". Ao lado das Pontes, o presidente do comité de empresa, Luís Varela (UXT), ve "fóra de contexto" as manifestacións do secretario de Estado, que, ao seu xuízo, "merecen un desmentido". 

"É unha inseguridade pero total, son inoportunas e perigosas", exclama. E é que, segundo expón, se isto chega a dicirse hai un ano, "nin unha empresa pon un duro". 

O anuncio do Executivo socialista "sentou mal no persoal e na sociedade", posto que para a fábrica das Pontes traballan 200 persoas (20 no porto de Ferrol e 180 na térmica) e a isto hai que engadir os postos de traballo das auxiliares, os transportistas para a provisión de carbón... "Pon os pelos de punta pensar isto", chama a atención Varela. 

Por iso, reclama "sentido común" e unha transición "acorde" coas necesidades dun país cun "sol e vento" determinados. Pola súa banda, como a central das Pontes "está dentro dos parámetros", confía en que siga operando logo de 2030. 

Malestar en Meirama e As Pontes polas "inoportunas e perigosas"...
Comentarios