viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Medio milleiro de persoas claman na Coruña polo futuro da industria electrointensiva

Traballadores de Alcoa na manifestación da Coruña. EFE
Traballadores de Alcoa na manifestación da Coruña. EFE
A manifestación, convocada por CIG, UXT e CC OO, acabou cunha pequena carga policial fronte á Delegación do Goberno, contra a que se tiraron decenas de ovos 

Medio milleiro de persoas manifestáronse polas rúas da Coruña para pedir a continuidade da industria electrointensiva galega e o mantemento dos postos de traballo. Os sindicatos CIG, UXT e CC OO, que convocaron a marcha, reclaman unha tarifa enerxética "estable" para que as empresas sexan "competitivas". 

Traballadores de Alcoa, na Mariña, e Alu Ibérica, na Coruña, así como empregados de Ferroatlántica de Cee e Sabón, entre outros, participaron na manifestación, que transcorreu entre petardos e bucinas desde a sede da Delegación da Xunta ata a do Goberno con consignas como 'Enerxía, solución' ou 'A solución, unha intervención'. 

Ao berro de 'Pedrito, bótalle ovos', os manifestantes lanzaron decenas de ovos á fachada da Delegación do Goberno e poucos minutos despois, tras a pancarta do persoal de Alcoa, intentaron acceder ao edificio. Os axentes da Policía cargaron contra os participantes na marcha, que gritaban 'Nin un paso atrás'.

SEN NOTICIAS DO ESTATUTO. En declaracións aos medios, o secretario nacional da Federación de Industria da CIG, Xoan Xosé Bouzas, denunciou a falta de noticias sobre o estatuto da industria electrointensiva do Goberno central. "Non sabemos nada do estatuto e non sabemos se haberá medidas complementarias porque só co estatuto non chegaría", advertiu. 

O representante da CIG considera que "o máis urxente" é a "intervención" das empresas "máis afectadas" e conseguir que sexan "competitivas". "Necesitamos unha nacionalización canto antes para evitar despedimentos", esixiu. Tamén pediu que a Xunta actúe: "Ten que liderar este proxecto e deixar de dar voltas". 

Desde Comisións Obreiras, o seu responsable de Industria, José Hurtado, explicou que a manifestación é unha "continuación" das mobilizacións iniciadas en marzo e que se paralizaron coa pandemia. "Xa acabaron as eleccións e os políticos teñen que porse o calzón do traballo", reclamou. 

Pola súa banda, o secretario auxiliar metal de UXT-FICA Galicia, Eladio Quelle, apuntou que é o Goberno o que ten "potestade" para fixar unha tarifa eléctrica, pero alertou de que a Xunta "ten moito que dicir". "Están a desmantelar o sector e hai que facer algo, seguir batallando", engadiu. 

O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan, pediu un "marco enerxético estable" e unha intervención na planta da Mariña "canto antes". "Queremos que o Goberno se sitúe para ter garantía de continuidade", sinalou.

RECLAMACIÓN DOS ALCALDES. O secretario xeral do PP galego, Miguel Tellado, que se sumou á concentración ante a Delegación do Goberno, pediu ao Executivo, en declaracións aos medios, un "prezo competitivo" da enerxía que, subliñou, "prometeu hai ano e medio". 

Ante as críticas á Xunta por parte dos traballadores, Tellado apuntou que "o problema de Alcoa non é un problema industrial, é enerxético, e a política enerxética é responsabilidade exclusiva do Goberno de España". 

O alcalde de Cervo, Afonso Villares, tamén presente na marcha, alertou de que "cada vez queda menos tempo" para conseguir "unha solución". "Necesitamos salvar a empresa de aluminio que leva máis de 40 anos traballando na nosa comarca", manifestou, pedindo unha tarifa enerxética ou a intervención de Alcoa. 

Pola súa banda, o rexedor de Xove, Demetrio Salgueiro, sinalou, ante os medios de comunicación, que o Goberno "ten a solución nas súas mans" e advertiu de que a demora do estatuto da industria electrointensiva "condena a unha comarca á ruína e aos nosos veciños á indixencia e á pobreza". 

Medio milleiro de persoas claman na Coruña polo futuro da industria...
Comentarios