Mercadona investirá 28,4 millóns este ano en Galicia para levantar a economía

Inaugurará tres tendas, adaptará outras tres para impulsar a eficiencia e reforzará seccións
Supermercado de Mercadona. AEP
photo_camera Supermercado de Mercadona inaugurado este año en O Barco de Valdeorras. EP

Mercadona acelera este ano o seu ritmo investidor en Galicia coa previsión de destinar 28,4 millóns de euros ao crecemento e modernización da súa rede de tendas e, ao tempo, contribuír á reactivación da economía tras o golpe da pandemia. 

A compañía de supermercados físicos e online dedicará parte destes recursos á apertura de tres novas tendas, co que alcanzará as 58 tras 18 anos de implantación na comunidade. Ademais, reformará outros tres establecementos para adaptalos ao novo concepto de tenda eficiente e poder contar así con 37 locais con este modelo, enfocado a mellorar a experiencia de compra dos "xefes", que é como Mercadona chama os seus clientes. Separación de residuos; climatización automática; iluminación por LED; aparcadoiro con recarga para vehículos eléctricos e outras medidas de sustentabilidade enerxética e ambiental caracterizan estas tendas.

O grupo de distribución ten previsto tamén implantar a sección de Listo para Comer en oito novos establecementos. Os seus plans pasan, ademais, por seguir impulsando o proxecto Frescos Global, que incorpora melloras nas seccións de frescos cunha "maior adaptación á variedade local".

A compañía alimentaria que preside Juan Roig pon de relevo o impacto indirecto que o investimento previsto terá na creación de emprego en Galicia, xa que máis de 150 persoas e técnicos de distintos oficios traballarán en cada unhas das reformas e aperturas. De forma directa a cadea valenciana sostén na comunidade 2.343 postos de traballo.

Cada apertura e reforma dará emprego a máis de 150 persoas e técnicos de forma indirecta

Os 28,4 millóns que destinará a reforzarse en Galicia este 2020 sumaranse aos 82 millóns investidos nos tres últimos anos. "Desde o ano 2002, en que se produciu a apertura da primeira das nosas tendas en Galicia, non deixamos de consolidar o compromiso que a compañía mantén con esta comunidade", destaca a directora de Relacións Externas de Galicia de Mercadona, Carmen Fernández, nun comunicado, no que apunta á "responsabilidade como empresa" de reactivar a economía ante o impacto da crise sanitaria polo Covid-19. 

Para dar resposta  aos efectos da pandemia a nivel social, a empresa reforzou no que vai de ano as súas doazóns a comedores sociais e entidades benéficas en Galicia ata as 475 toneladas.

En canto á expansión internacional, Mercadona planea acelerar o ritmo de apertura de supermercados en Portugal e inaugurar unha vintena por ano para alcanzar as 150 tendas no país veciño desde a ducia actual. Este ano prevé investir 140 millóns en territorio luso. A súa intención é aterrar na capital, Lisboa, en 2022 ou 2023, segundo informou o periódico Jornal Económico citando a directora de Relacións Externas internacionais da compañía, Elena Aldana.

A distribuidora obtivo o ano pasado un beneficio de 623 millóns, un 5% máis, tras incrementar vendas ata os 25.500 millóns.