Naturgy permite a fogares aprazar recibos de luz e gas

Ofrece a clientes particulares, autónomos e pemes pagar as facturas do segundo trimestre a partir de outubro e ata setembro de 2021
Bombilla. AEP
photo_camera Bombilla. AEP

Os máis de 327.000 fogares galegos que teñen contratado a subministración de electricidade e gas con Naturgy poderán aprazar o pago das facturas do segundo trimestre durante seis meses. A compañía dá así a opción aos seus clientes domésticos de acollerse a un período de carencia de ata medio ano no abono dos recibos nun contexto no que os ingresos de moitas familias esborralláronse polo parón na actividade mentres o consumo enerxético incrementouse co confinamento.

A empresa xa lanzara unha medida deste tipo para pemes e autónomos e agora refórzaa e esténdea aos fogares. Así, consumidores domésticos, empresas de pequeno e mediano tamaño, traballadores por conta propia e pequenos negocios que teñan contratados os servizos con Naturgy poderán solicitar que se postergue o cobro dos recibos de abril, maio e xuño para empezar a pagalos a partir de outubro. A empresa repartirá o importe pendente en pagos iguais que facturará nos doce meses seguintes. Poderán abonarse, xa que logo, ata setembro de 2021.

Os clientes que queiran acceder ao adiamento do pago das facturas deben solicitalo a través da sección de Área Clientes na páxina web da compañía, que se fará cargo do custo das subministracións dos próximos tres meses. En Galicia poderanse beneficiar uns 374.000 usuarios entre particulares, pemes e autónomos. En toda España son preto de 4 millóns os fogares con posibilidade de acollerse a esta medida e máis de 250.000 profesionais.

O obxectivo é que uns e outros "poidan xestionar a súa liquidez e ingresos a medio prazo e logren soportar este período con algo máis de facilidade dentro da gravidade da situación", sinala o presidente de Naturgy, Francisco Reynés, quen asegura que a enerxética lanzará medidas de apoio "mentres continúe a crise".

A compañía anunciou este martes que pon a disposición dos seus clientes atención médica gratuíta por videollamada durante o estado de alarma, e ofrece luz e gas sen custo a hoteis e residencias que actúen como hospitais.

Comentarios