jueves. 03.12.2020 |
El tiempo
jueves. 03.12.2020
El tiempo

O novo repunte dos Erte do covid satura as oficinas do Sepe

Unha oficina de emprego en Madrid. EP
Unha oficina de emprego en Madrid. EP

CC.OO. apunta a atrasos de ata catro meses no abono das prestacións nalgúns territorios. CSIF estima que en Galicia a carga de traballo dos servizos de emprego medrou un 245%

A avalancha de expedientes de regulación temporal de emprego (Erte) que detonou a segunda onda do covid volve a tensionar á Administración. Mentres CC.OO. demandou este xoves "recursos inmediatos" para o Servizo Público de Emprego Estatal (Sepe) e denunciou atrasos na xestión das prestacións por desemprego "que poden chegar aos catro meses" en comunidades como Cataluña, CSIF instou o Goberno a activar unha oferta de emprego público extraordinaria e a instaurar a xornada de tarde voluntaria. 

Os datos que manexa este último sindicato indican que, de media, a carga de traballo creceu en novembro un 313% no Estado con respecto ao mesmo mes de 2019, unha referencia que CSIF sitúa no 245% en Galicia. Das catro provincias, a presión creceu con maior intensidade en Ourense, ao cuadruplicarse (+301%); seguida de Pontevedra (+263%), A Coruña (+236%) e Lugo (159%).

A central sostén que o cadro de persoal do Sepe tivo que asumir a tramitación de 150.000 novos Erte que afectan a 720.000 traballadores nas dúas últimas semanas no conxunto do país, o que provocou que "as horas extra autorizadas" resulten "insuficientes". 

O último boletín estatístico do Ministerio de Función Pública cifra en 7.979 os efectivos ao servizo do Sepe en xaneiro. Deles, 5.678 son funcionarios de carreira. CSIF sostén que, como consecuencia dos recortes, na última década "perdéronse 3.400 efectivos".

A central indica que o cadro de persoal "está ao límite" ante o volume de traballo actual e a previsión para 2021, polo que pide persoal "estrutural e profesionalizado" para abordar a tarefa e critica o "parcheado" realizado nos últimos meses con traballadores temporais procedentes doutras actividades alleas á xestión de prestacións.

Preto de 600.000 afectados por Erte 
Os últimos datos da Seguridade Social indican que, a peche de outubro, un total 599.350 traballadores estaban afectados por algún dos 147.402 expediente de regulación temporal de emprego (Erte) en vigor en España. Deles, 18.505 son profesionais galegos inmersos nalgún dos 7.186 axustes en curso. As cifras reflicten un incremento con respecto aos 552.216 asalariados que tiñan o seu contrato en suspenso ou a súa xornada reducida debido ás restricións do covid a data do 5 de outubro. 

15.024 
Eran os afectados en Galicia polos 6.457 Erte de forza maior en vigor en outubro.

O novo repunte dos Erte do covid satura as oficinas do Sepe
Comentarios