A planta de PSA Vigo iniciará en novembro a montaxe dos prototipos da furgoneta eléctrica

O proxecto conta cunha achega de 5 millóns da Xunta de Galicia e valerá para "validar as definicións do produto e do proceso de fabricación"
Un operario monta un coche en la factoría de PSA en Vigo. DP
photo_camera Un operario monta un coche en la factoría de PSA en Vigo. DP

A planta do Grupo PSA en Vigo fabricará a partir do próximo novembro os prototipos eléctricos do coñecido como proxecto K9 (furgonetas), no marco dunha iniciativa que conta cunha achega de 5 millóns por parte da Xunta de Galicia.

Segundo puido confirmar Europa Press, a axuda autonómica, anunciada hai meses, materializouse coa firma dun convenio de colaboración entre a empresa e a Axencia Galega de Innovación, GAIN, o pasado 5 de xuño, e permitirá o desenvolvemento dun proxecto de I+D+i ligado ao lanzamento da versión eléctrica das furgonetas que se montan na fábrica de Balaídos.

Esta iniciativa supón que, nos exercicios 2020 e 2021, faranse investimentos en strong<> I+D+i por valor de 20 millóns de euros (dos que o 25 %, 5 millóns, son achegados pola Xunta, a máxima subvención permitida pola normativa europea). Así, en 2020, Gain achegará 1,9 millóns dos 7,6 que se investirán neste exercicio.

Con este investimento, sinalaron fontes da empresa, iniciarase, a partir de novembro, a montaxe dos prototipos de furgonetas eléctricas (que agora se están facendo en China), cuxo lanzamento industrial estaba xa anunciado para 2021.

Estes prototipos produciranse no Taller Piloto da planta de Vigo e servirán para "validar as definicións do produto e do proceso de fabricación", como paso previo á produción de pre-series en liña, prevista para o primeiro trimestre de 2021.

"CREAR TECIDO INDUSTRIAL" E "ATRAER INVERSIÓN"

A empresa valorou que este acordo de colaboración coa Xunta permitirá crear "tecido industrial" e "fomentar o emprego", así como a "capacitación" de traballadores. Ademais, servirá para "atraer a Galicia investimentos en innovación directamente dirixidas á fabricación de vehículos cento por cento eléctricos". 

Os obxectivos do proxecto subvencionado enfócanse cara aos traballos de enxeñería e desenvolvemento que levarán a cabo para pór en marcha novos procesos e equipos, así como para redeseñar e adaptar os procesos xa instalados nas diferentes áreas produtivas da planta de Vigo, coa visión de facer posible a fabricación das distintas versións dos modelos en produción: térmica, eléctrica e híbrida no futuro.

O anuncio da fabricación dos prototipos de furgoneta eléctrica en Vigo prodúcese poucas semanas despois de que o goberno de Francia presentase un plan de axudas á industria da automoción, condicionado á relocalización de produción no país galo.

Así mesmo, esta confirmación prodúcese tras coñecerse que a Comisión Europea investigará o proxecto de fusión de PSA e Fiat Chrysler, por se devandita operación afecta á competencia no ámbito da fabricación de furgonetas. No entanto, fontes da factoría viguesa desvincularon esta investigación do proxecto K9, e dan por feito que non lle afectará. 

Comentarios