O Santander toma medidas e a súa cúpula báixase o soldo para crear un fondo contra a pandemiaa

A súa presidenta, Ana Botín prescindirá da metade do seu salario ► A entidade revisará o cobro dos dividendos de novembro
Ana Botín. AEP
photo_camera Ana Botín. AEP

O Banco Santander decidiu revisar a súa política de dividendo deste ano ante a incerteza pola crise do covid-19 e rebaixou o soldo da súa cúpula, ata deixar á metade o da súa presidenta, Ana Botín, o que lle axudará a crear un fondo de 25 millóns de euros para frear a pandemia.

A entidade suprime o tradicional pago de dividendo de novembro, que fai con cargo ao exercicio en curso, e aposta por un único pago final que chegará en maio de 2021 e cuxa contía dependerá do impacto da crise do coronavirus.

Ademais, segundo a información remitida esta noite á Comisión Nacional do Mercado de Valores, Botín e o conselleiro delegado da entidade, José Antonio Álvarez, gañarán un 50 % menos en 2020, tanto en soldo fixo como en variable.

O resto do consello de administración tamén verá reducido o seu salario, neste caso un 20 %, e os recortes chegarán tamén á alta dirección do banco, o que axudará a crear un fondo para todo o grupo de polo "menos" 25 millóns para frear a pandemia do covid-19.

Este fondo servirá para facilitar material e equipamento médico que axude a frear a propagación do virus, e poderá ser engordado polo resto de empregados do banco.

As achegas destinaranse a cubrir necesidades inmediatas, como a produción e adquisición de equipamento médico, roupa de protección e outros equipos que son necesarios para tratar aos pacientes infectados polo virus, así como a efectuar doazóns ás autoridades e institucións correspondentes.

O consello de administración do Santander explica que tomou a decisión de revisar a súa política de dividendo para dotar ao banco da maior flexibilidade posible para poder aumentar o crédito e apoiar as necesidades de empresas e particulares afectados pola pandemia do coronavirus.

O banco destaca que cumpre "holgadamente" os requisitos de capital para manter a súa política de dividendo, que pasa por repartir entre o 40 e o 50 % de resultados, ademais de que "está cómodo" cos colchóns que ten respecto dos mínimos regulatorios esixidos.

"Para moitos de nós, a pandemia do coronavirus é o desafío máis importante ao que nos enfrontamos na nosa vida", expresou Botín, quen considera que a situación esixe un enorme esforzo colectivo para traballar xuntos e limitar a propagación do virus.

Ademais, aposta por proporcionar atención aos afectados, xa sexa directa ou indirectamente.
"Espérannos meses complicados, pero confío na nosa capacidade como sociedade para superalo e o banco estará á altura", engadiu.

Comentarios