lunes. 13.07.2020 |
El tiempo
lunes. 13.07.2020
El tiempo

O Supremo rebaixa o imposto de sucesións a empresas familiares

Fachada do Tribunal Supremo. ARQUIVO
Fachada do Tribunal Supremo. ARQUIVO
Sentencia que os herdeiros non teñen que pagar o tributo polas accións e participacións sociais recibidas

As accións e participacións herdadas estarán exentas do pago do imposto de sucesións e doazóns. Así o establece o Tribunal Supremo nunha sentenza que suporá un alivio fiscal para empresas familiares e grandes patrimonios que reciban como legado títulos ou participacións nunha sociedade. 

Entre os bens inmobles e mobles que a persoa falecida pode deixar en herdanza están vivendas, locais, contas correntes, fondo de investimento ou depósitos, entre outros, pero tamén adoita figurar o termo "enxoval doméstico". A lei de 1987 que regula o imposto de sucesións valórao no 3% dos bens que compoñen a herdanza, pero non especifica que elementos ou bens deben incluírse nese concepto para calcular o tributo, polo que na práctica compútanse as accións, participacións, bonos e obrigacións, tributando sobre a contía que supuña ese 3%. 

Agora, en dúas sentenzas que sentan xurisprudencia, o Supremo estipula que eses activos non deben integrarse no concepto de enxoval doméstico e, polo tanto, gravarse en sucesións. Estipula que ese termo debe comprender só os "bens mobles afectos ao servizo da vivenda familiar ou ao uso persoal do causante" descritos no Código Civil, como roupa, mobiliario e enseres. 

Os ditames do alto tribunal poden ter un impacto relevante en empresas familiares e grandes patrimonios, que aforrarán diñeiro á hora de tributar pola herdanza. Ademais, abren a porta a que os contribuíntes soliciten a devolución dos importes pagados indebidamente durante os últimos catro anos, o período non prescrito. O Supremo resolve así a diferenza de criterios entre Tribunais Superiores de Xustiza. 

Unha das súas sentenzas refírese á sucesión dunha empresa familiar da construción de Madrid na que o 99,97% do valor da herdanza corresponde a accións da sociedade mercantil. Os recorrentes solicitaron que se aclarase como calcular o enxoval doméstico. Neste caso, o alto tribunal establece que o gravame do 3% só afecta aos bens de uso particular e exclúense os susceptibles de producir renda, diñeiro e valores, como accións e participacións. O segundo fallo alude á sucesión dun patrimonio con varios inmobles nun municipio rural en Asturias valorados en 1,5 millóns. O TS ratifica a anulación da liquidación do imposto por non formar parte do enxoval doméstico determinados bens. 

As dúas sentenzas conteñen un voto particular de tres maxistrados que discrepan en parte de que as accións e participacións herdadas queden exentas de tributar.

O Supremo rebaixa o imposto de sucesións a empresas familiares
Comentarios