martes. 10.12.2019 |
El tiempo
martes. 10.12.2019
El tiempo

A venda das plantas e saltos de Ferroatlántica divide ao comité de empresa

A CGT defende a operación para blindar o emprego mentres a CIG ve unha "segregación encuberta" da produción de ferroaleacións e o negocio hidroeléctrico

O comité de empresa de Ferroatlántica afronta dividido a venda das fábricas de Cee e Dumbría e das dez centrais hidroeléctricas repartidas polos ríos Grande e Xallas ao fondo estadounidense TPG Sixth Street Partners, que aspira a controlar estes activos a través de Ithaka, unha sociedade controlada por exexecutivos de Unión Fenosa e FCC.

A CGT, con catro representantes dos 13 que ten o órgano, desmarcouse este venres pola tarde do comunicado emitido polo comité —que preside o independente Santiago Paz—, un texto no que se denuncia que a operación supón "unha segregación encuberta" da produción de ferroaleacións e o negocio hidroeléctrico, unha tese defendida esta semana pola CIG, que conta con seis vogais. A CGT, cuxo portavoz, Juan Villar asegurou que non foron consultados para elaborar o documento, apunta que investigará "quen usou o cuño do comité".

Mentres o grupo Villar Mir agarda o pronunciamento da Xunta, que debe autorizar a operación, este venres a CGT expuxo que na reunión celebrada o xoves con Ferroatlántica e portavoces de Ithaka, o comprador "comprometeuse" a desenvolver un plan de investimento de 14 millóns de euros a cinco anos nas plantas de Cee e Dumbría. Ademais de incidir en que a operación suporá a venda "conxunta" das factorías e dos saltos, tamén ratificaría a súa intención de reactivar os dous fornos parados e de suspender o expediente de regulación de emprego temporal (Erte) de dous anos que pesa sobre os dous negocios.

A maiores, o investidor mostrouse "aberto" a estudar a demanda exposta pola central de cara a construír un novo forno "cando as condicións do mercado avalen a necesidade de aumentar a produción e a súa rendibilidade". 

A venda das plantas e saltos de Ferroatlántica divide ao comité de...
Comentarios