miércoles. 08.07.2020 |
El tiempo
miércoles. 08.07.2020
El tiempo

O xuízo polo caso Pescanova alóngase e seguirá o 2 de xullo

Manuel Fernández de Sousa, xunto aos máximos responsables de Pescanova entre 2009 e 2013. FERNANDO ALVARADO
Manuel Fernández de Sousa, xunto aos máximos responsables de Pescanova entre 2009 e 2013. FERNANDO ALVARADO

O xuízo polo caso Pescanova alongarase como mínimo unha semana máis e está previsto que se retome o 2 de xullo pola tarde, segundo informou a Audiencia Nacional, logo de escoitar a alegación dos avogados de varios dos 19 acusados nesta macrocausa.

Durante as dúas últimas sesións, entre os letrados foi habitual esgrimir como argumento a "falta de concreción" dos delitos que se imputa aos seus clientes, e consideraron que a Fiscalía foi demasiado xenérica nas súas acusacións, sen apontoar a súa tese coas suficientes probas.

Co xuízo interrompido pola pandemia, o procedemento recuperouse o 8 de xuño coa intervención do fiscal, Juan Pavía, quen durante nove horas debullou o esquema piramidal que na súa opinión montou o expresidente de Pescanova Manuel Fernández de Sousa para ocultar unha débeda de máis de 3.500 millóns de euros

O letrado de Fernández de Sousa negou que o seu cliente soubese o alcance desa débeda e defendeu que, aínda que se cometeron erros, na compañía non houbo falsidades".

Un dos últimos protagonistas foi o avogado de José Antonio Pérez-Nievas, conselleiro da sociedade Iberfomento en Pescanova, e ao que se acusa dun delito de información relevante, por vender un paquete de accións pouco antes de que estas caesen en bolsa, evitando así perdas por valor de 1,39 millóns de euros. 

A epidemia obrigou a suspender o xuízo tres meses

Boa parte do seu discurso dedicouno a demostrar que o seu cliente ordenou a venda destes títulos horas antes de saber nunha reunión celebrada o 25 de febreiro que a empresa estaba falta de liquidez. O fiscal, pola contra, indica que era coñecedor desde o día 22 da situación.

Segundo o relato de Pérez-Nievas na fase de instrución —posteriormente, non puido declarar polo seu estado de saúde—, na reunión do día 25 as contas que presentou Sousa eran boas, aínda que recoñeceu un problema de tesourería porque se atrasaba a venda da planta de salmón de Chile e dous bancos negábanse a negociar un crédito que vencía nesas datas.

De feito, a cita celébrase dous días antes da xunta, e nela Sousa só se reúne cos representantes dos catro maiores accionistas (Alfonso Paz Andrade, José Antonio Pérez-Nievas, José Carceller e François Tesch), para instarlles a achegar fondos para inxectar liquidez.

Para a defensa de Pérez-Nievas, as acusacións da Fiscalía son "especulativas" e carecen de sentido, xa que o seu cliente non volveu vender máis accións, a pesar de coñecer máis sobre a delicada situación financeira da firma nos días posteriores.

O xuízo sobre o caso Pescanova arrincou o 2 de decembro e inicialmente estaba previsto que acabase en marzo, aínda que a epidemia de coronavirus obrigou a suspendelo durante tres meses e retomalo este mes.

O xuízo polo caso Pescanova alóngase e seguirá o 2 de xullo
Comentarios