A Xunta aspira a "minorar" os recortes de cotas de pesca que propón a UE

Quintana asegura que a proposta de Europa "non é a peor" a que se enfronta o sector pesqueiro galego

AEP
photo_camera Capturas de pesca. AEP

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou que Galicia aspira a "minorar" os recortes daqueles Totais Admisibles de Caputra (TAC) das especies para as que a Comisión Europea (CE) propón unha baixada e a "consolidar" as propostas de subida. 

Así o destacou este martes durante a súa comparecencia no pleno da Cámara, na que explicou que a Xunta traballa nos argumentos que trasladará ao Goberno central co obxectivo de defender os intereses da frota galega no próximo Consello de Ministros de Pesca da Unión Europea (UE). 

"Estamos a repasar especie por especie e TAC por TAC e analizando varias fontes de información para verificar e conformar os nosos argumentos", sinalou Quintana. Para iso, indicou que a Xunta estuda os informes do Consello Internacional para a Exploración do Mar (ICES), os desembarques de cada especie e frota para ver o nivel de implicación de cada baixada e os comentarios doutros países noutros grupos de traballo en de a Unión Europea para buscar aliados. 

Ademais, Rosa Quintana recoñeceu que a proposta da Comisión Europa sobre as posibilidades de pesca para 2019 "non é a peor" á que se enfronta o sector galego senón que "se atopa entre as máis vantaxosas". Con todo, incidiu en que "aínda queda moito por mellorar" e que para iso a Xunta traballa en coordinación co sector. 

En fronte, os grupos da oposición censuraron que a titular do Mar acuda á Cámara a defender unha postura sobre as cotas que "xa está pechada" e afeáronlle a perda de traballadores do mar e de barcos que, segundo indicaron, experimentou Galicia nos últimos anos. Ademais, tamén criticaron a "falta de peso político" do Goberno galego para defender os intereses de Galicia. 

Comentarios