A Xunta avoga por establecer un pacto pesqueiro ante un posible Brexit sen acordo 

O obxectivo é manter o 'statu quo' actual, asegurar un acceso mutuo aos recursos mariños e os mercados e que se garanta a viabilidade futura do sector europeo e británico

Jesús Gamallo. AEP
photo_camera Jesús Gamallo. AEP

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta, Jesús Gamallo, transmitiu en Bruxelas a prioridade de establecer un acordo pesqueiro que manteña a situación actual e asegure un acceso mutuo aos recursos mariños, ante un posible Brexit sen acordo. 

Na sesión política organizada pola Comisión do Arco Atlántico, da Conferencia das Rexións Periféricas Marítimas, Gamallo, como coordinador do Grupo Operativo Brexit transmitiu a súa preocupación ante as repercusións en sectores económicos claves para Galicia dunha saída abrupta de Europa por parte do Reino Unido. 

En primeiro lugar, pediu priorizar a negociación dun acordo pesqueiro entre a UE e o Reino Unido. Sería a condición previa a un acordo comercial que regule as relacións futuras entre ambas as partes. 

O obxectivo é manter o 'statu quo' actual, asegurar un acceso mutuo aos recursos mariños e os mercados e que se garanta a viabilidade futura do sector pesqueiro europeo e británico. 

En segundo lugar, Gamallo defendeu a necesidade de compensar economicamente aos pescadores e empresas pesqueiras que operen en augas británicas, isto é, preto de 96 entidades e 1.700 tripulantes galegos. 

O representante da Xunta de Galicia incidiu tamén no feito de que esta compensación económica proveña doutros fondos europeos aparte do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. 

Por outra banda, tamén avogou por fomentar a solidariedade, o diálogo e a cooperación interregional entre as rexións atlánticas e británicas. 

A xornada de conmemoración dos 30 anos de actividade da Comisión do Arco Atlántico contou con numerosas intervencións nas que os membros da entidade ofreceron o seu punto de vista sobre o futuro da cooperación interregional entre os territorios europeos bañados polo Atlántico. 

A Comisión do Arco Atlántico creouse en 1989 en Faro (Portugal) e está integrada por rexións de España, Portugal, Irlanda, Francia e Reino Unido, que representan o 12% da poboación europea. 

Comentarios