viernes. 24.01.2020 |
El tiempo
viernes. 24.01.2020
El tiempo

A Xunta espera que a situación de Banesco non afecte a Abanca

Alfonso Rueda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
Alfonso Rueda. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Escotet cedeu a presidencia do banco temporalmente tras a detención de 11 directivos do grupo en Venezuela

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, desexou a Juan Carlos Escotet, presidente de Banesco, "toda a sorte do mundo" e mostrou a súa confianza, aínda que é "prematuro", en que a situación con este banco en Venezuela "non afecte para nada ao seu negocio en Galicia", en alusión a Abanca.

Juan Carlos Escotet anunciou o xoves que cedía temporalmente a presidencia de Abanca tras a detención de 11 directivos do grupo Banesco en Venezuela.

Nun feito relevante enviado á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV), Abanca informou de que Escotet comunicou ao Consello de Administración da entidade financeira a súa vontade de ausentarse temporalmente nas súas funcións de presidente non executivo coa finalidade de atender e apoiar aos equipos das súas empresas en Venezuela.

Nunha entrevista na Radio Galega, o vicepresidente galego destacou que o negocio de Abanca, que ten ficha bancaria e sede en España, está "consolidado, creando riqueza" e desexou que se manteña, "con independencia dos problemas que (Escotet) poida ter en Venezuela" e que "poida arranxar canto antes".

En canto á decisión do banqueiro de ir ao país americano, destacou que se trata dun empresario "moi intelixente" e "se decidiu que tiña que ir alí é porque viu a necesidade, entendeu que a situación é grave".

"Alí está para dar a cara, como dixo el, para intentar arranxar os asuntos nun país onde nada debe ser fácil de arranxar, unha situación complicadísima. Todos temos unha imaxe bastante clara de ou que pode estar a pasar en Venezuela", asegurou.

Rueda destacou que mantén a súa confianza en Abanca aínda que recoñeceu que aínda carecen de datos do "que está a pasar" en Venezuela e "que repercusións pode ter para o negocio en Galicia", aínda que confiou en que "non teña influencia e que non poida prexudicar".

"Fronte ao que algúns dicían, agoreiros, que ía desaparecer o negocio bancario en Galicia e se ían perder as raíces iso non foi así e Abanca ten un gran mérito competindo en igualdade de condicións con outras entidades en Galicia e con raíz directamente galega que non se perdeu", destacou

A Xunta espera que a situación de Banesco non afecte a Abanca
Comentarios