A Xunta pide "calma" e actuará para que a sentenza sobre hipotecas non mingüe as arcas públicas

O conselleiro de Facenda subliña que o obxectivo é "facilitarlle a vida e non marear" o contribuínte 

Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Valeriano Martínez. PEPE FERRÍN (AGN)

O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, pediu "calma" ante a sentenza do Tribunal Supremo que rectificou e dixo que os bancos son os que deben abonar os impostos das hipotecas. Respecto diso, asegurou que o Goberno galego actuará "en consecuencia" para que o fallo "non sexa oneroso" para as arcas públicas, "porque o novo suxeito pasivo son as entidades financeiras". 

Preguntado na rolda de prensa na que presentou os orzamentos galegos para 2019 no Parlamento, Martínez fixo fincapé na "prudencia", pero tamén na "maneira acelerada" coa que é preciso reaccionar tras esta decisión. Así, referiuse a unha reunión que se producirá a semana que vén en Madrid coa presenza de todas as comunidades, na que deu por feito que se abordará este asunto, "complexo" e que "afecta a todos moitísimo". 

"Do que se deduce da sentenza, existe un dereito das persoas a reclamar por vía administrativa, neste caso ante a Axencia Tributaria de Galicia. Pero tamén, obviamente, actuaremos en consecuencia para que isto non sexa oneroso para as arcas senón para que o novo suxeito pasivo sexan as entidades financeiras", afirmou. 

De acordo cos seus datos, o número de autoliquidacións do últimos catro anos situouse nunhas 19.000-20.000 ao ano, o que, admitiu, ten unha "incidencia importante" nos ingresos da comunidade.

TEMPERANZA. "Temos que dotarnos da suficiente temperanza", salientou o conselleiro na súa resposta, ao ver "mal conselleiro" na "ansiedade" fronte a problemáticas como esta. Así, recoñeceu que "a pelota está no tellado" da administración tributaria pero avogou por afrontalo "de forma coordinada" no conxunto estatal. 

O obxectivo, remarcou, é "facilitarlle a vida e non marear" ao contribuínte, para o que aposta por unha actuación "acelerada" pero con "toda tranquilidade" e "calma". "Non nos imos a quedar durmidos", comprometeu. 

Comentarios