Iglesias cre que a moción prosperará e pide a Sánchez un Goberno de coalición

O líder de Podemos opina que "o ambiente sinala que van votar a favor todos os que deberían votar a favor"

Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Pablo Iglesias. JAVIER LIZÓN (EFE)

O líder de Podemos, Pablo Iglesias, mostrouse este mércores convencido de que a moción de censura do PSOE pode saír adiante cos votos a favor de Unidos Podemos, ERC, PDeCAT e PNV, e avogou por que Pedro Sánchez conforme un goberno de coalición que represente a unha maioría ampla de españois.

Iglesias, en declaracións aos xornalistas no Congreso, dixo que cre que a moción de censura de Sánchez contra o Goberno de Mariano Rajoy "vai saír adiante cos apoios evidentes", nos que inclúe o voto a favor de Unidos Podemos, os partidos cataláns e o PNV.

Esa é a sensación que ten Iglesias tras manter conversacións con dirixentes de todos "os partidos" e, aínda que non desvelou se o PNV lle confirmou o seu voto, confiou en que o vindeiro venres "haxa 176 deputados" que apoien "botar ao PP do Goberno". "É unha sensación, creo que o ambiente sinala que van votar a favor todos os que deberían votar a favor. Oxalá non me equivoque", desexou.

Sobre a posibilidade de que Unidos Podemos impulse outra moción con Ciudadanos, Iglesias explicou que falou con Albert Rivera e coinciden en que "non ten sentido pornos a traballar en serio sobre esa hipótese ata o venres". "Eu creo que non vai fracasar e non vai ser necesario ese escenario, pero se fracasa a partir do venres falamos", insistiu tras subliñar que Podemos só valoraría a negociación dunha convocatoria electoral e buscaría un acordo con Ciudadanos para "sacar ao PP do Goberno" se Pedro Sánchez fracasa.

O secretario xeral de Podemos fixo fincapé en que o máis razoable sería que Sánchez apostase por un Goberno "estable" e, na súa opinión, para iso debería contar con máis de 84 deputados como apoio parlamentario.

A Iglesias "gustaríalle" que Sánchez fose "máis ambicioso" e apostase por un "Goberno estable, máis plural", que representará a máis formacións políticas. "Creo que un presidente responsable ten que buscar un Goberno que represente a algo máis que a cinco millóns de cidadáns, debería ser un Goberno que represente polo menos a dez millóns e teña apoios parlamentarios mais estables", sostivo.

Na súa opinión, "sería mais sensato un Goberno máis amplo", que tivese o respaldo de 156 deputados e que fixase tres claves na súa axenda. A primeira, a limpeza e rexeneración nas institucións: "Hai que sacar ao PP e hai que pór fácil o traballo dos xuíces para que os culpables de corrupción vaian ao cárcere", dixo.

En segundo lugar, avoga por unha axenda social que sirva para desbloquear as medidas que o PP vetou no Congreso e, para rematar, "diálogo para resolver a cuestión territorial, que non se pode resolver mediante un estado de excepción autonómico".

Ese Executivo con Unidos Podemos sería, ao seu xuízo, "un exemplo" e unha "referencia" para Europa en políticas sociais, de rexeneración e de diálogo para os conflitos territoriais, e "respondería moito máis á realidade de España". Para rematar, ante a posibilidade de que Rajoy dimita antes da moción de censura sería, segundo Iglesias, unha "xogada sucia" que revelaría "a desesperación do PP por aferrarse cal carrachas ao poder".

Comentarios