Puigdemont afástase para que Sànchez sexa investido

O expresident anuncia que tomará medidas legais contra o Estado español por "violar" os dereitos do pobo catalán

O líder de Junts per Catalunya (JxCat), Carles Puigdemont, anunciou este xoves, nun vídeo difundido a través das redes sociais, que renuncia "de maneira provisional" á súa investidura e, no seu lugar, propuxo o nome de Jordi Sànchez, número dous da súa lista e agora en prisión preventiva.

Puigdemont oficializou así o que era un segredo a voces desde hai semanas: que estaba a preparar desbloquear a lexislatura deixando paso, en primeira instancia, a Jordi Sànchez, a quen definiu como "un home de paz, inxustamente encerrado nun cárcere español".

Así, Puigdemont pediu desde Bélxica ao presidente do Parlament, Roger Torrent, que inicie o máis pronto posible unha rolda de contactos para propor a Sànchez como "novo candidato como presidente do goberno autonómico", o que pode desencadear máis tensión xa que o propio ministro de Xustiza, Rafael Catalá, dixo o martes que é "difícil" pensar nun presidente autonómico que estea "en prisión". 

O líder nacionalista tamén anunciou que un equipo de avogados internacionais presentou esta tarde no seu nome "unha demanda contra o Estado español ante o Comité dos Dereitos Humanos de Nacións Unidas", para denunciar a "violación" dos seus dereitos.

Nun vídeo difundido a través das redes sociais, Puigdemont, en Bélxica fuxido da xustiza española, explicou que esta acción legal pretende denunciar a "violación" por parte do Estado da "declaración universal dos dereitos humanos e a carta dos dereitos civís e políticos". 

Comentarios